Marta González presta todo o apoio do goberno galego á familia de Mari Luz Posse

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, reuniuse hoxe coa familia da Mari Luz Posse, asasinada en Cambados en 2007, para manifestarlles o total apoio da administración galega ante a "dramática situación" que viven, unha vez que o presunto asasino está en liberdade a espera de xuízo debido a un erro xudicial.

Multimedia

Marta González reuniuse co ex marido da vítima e pai dos seus dous fillos maiores e da filla menor de idade, Fernando Serantes, e cunha cuñada deste, Cruz Oubiña, que lle manifestaron a súa gran preocupación pola situación que están vivindo.

A familia de Mari Luz Pose explicou á secretaria xeral que presentou na Audiencia Provincial de Pontevedra un suplicatorio para recorrer a decisión xudicial que permite ao presunto asasino agarde en liberdade a data do xuízo, e,  aínda que non saben cal vai ser a decisión final da Audiencia, esperan, cando menos, que a alarma social xerada pola posta en liberdade do ex compañeiro sentimental da vítima axilice os trámites previos ao xuízo e este se leve a cabo canto antes.

Pola súa parte, Marta González manifestou a total dispoñibilidade da Xunta de Galicia para prestar á familia toda a axuda que estea ao seu alcance, para facer que "está dramática situación se solvente o antes posible" e as vítimas podan retomar a súa vida, e tamén pola mensaxe de "impunidade" que se está transmitindo á sociedade en xeral.

A secretaria xeral comprometeuse a trasladar por escrito a todas as instancias implicadas neste tema a preocupación da familia, que vive nunha situación de alarma ao sentirse ameazados pola excarcelación do presunto asasino. "Faremos todo o que estea na nosa man para que a familia deixe de vivir neste pesadelo, trasladando a súa indignación e desalento ás administracións e instancias precisas", dixo.

De feito, á pregunta de se a administración autonómica se persoará como acusación no proceso, respostou que "temos competencias para elo", en calidade de parte prexudicada civilmente, e "estamos estudando e valorando esa posibilidade", avanzou.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, contempla, no seu artigo 31, sobre a comparecencia da Xunta de Galicia nos procedementos penais iniciados por causas de violencia de xénero, indica no seu punto 1, que "nos casos nos que proceda, a Xunta de Galicia poderá acordar a súa presenza nos procedementos penais instados por causa de violencia de xénero, en calidade de parte prexudicada civilmente, conforme o establecido no artigo 110 da Lei de axuizamento criminal".

María Luz Posse faleceu dun disparo en decembro de 2007. O presunto asasino foi a súa parella, Jaime Maiz Sanmartín, ex garda civil, quen lle disparou dentro do propio cuartel, cando ela o estaba denunciando por malos tratos, e cos seus ex compañeiros como testemuñas. Despois de pasar dous anos no cárcere á espera de xuízo, agora agarda esa data en liberdade debido a un erro xudicial.