Marta González presentou en Portugal as actuacións da Secretaría Xeral

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, participou hoxe na localidade lusa de Matosinhos, a uns dous kilómetros de Oporto, na I Xornada sobre Xénero e Responsabilización, organizada pola Cruz Vermella portuguesa, na que presentou as liñas básicas de actuación do seu departamento tanto en materia de igualdade como de violencia de xénero.

Porto (Portugal), 21 de maio de 2010.- A responsable de igualdade do goberno galego comezou a súa intervención lembrando que as políticas para a igualdade entre mulleres e homes, así como as políticas para a eliminación da violencia de xénero, supoñen unha “prioridade fundamental” para este goberno, e proba diso é que por primeira vez a Secretaría Xeral da Igualdade está na estrutura que depende directamente do Presidente da Xunta de Galicia, o que facilitará “o cumprimento do principio de transversalidade”.

Marta González falou da posta en marcha do desenvolvemento normativo da lei 11/2007, de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, como a elaboración, durante o ano 2010, dos decretos correspondentes para a creación do “Consello Galego das Mulleres”, do “Observatorio Galego da Violencia de Xénero”, e da “Comisión Interdepartamental de Igualdade”, recollidas nas disposición adicionais quinta, sexta e sétima, da devandita lei.

A violencia de xénero

Ademais, explicou a creación do Centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, previsto no artigo 49 da lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, segundo o texto legal, “desenvolverá un modelo de atención integral baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico”.

Nese sentido, a secretaria xeral da Igualdade indicou que en 2010 comezaron os traballos para a posta en marcha deste centro, que virá a completar un sistema legal de protección e asistencia fronte a violencia de xénero, que xa conta con outros instrumentos como a Rede Galega de Acollemento, o servizo de atención 24 horas, o Punto de Coordinación das ordes de protección, os puntos de encontro familiar e os Centros de Información as Mulleres.

Outro dos eixos de actuación nos que fixo fincapé foi o desenvolvemento do artigo desa mesma lei que se refire ao tráfico de mulleres e nenas con fins de explotación, entendida como unha forma de violencia de xénero máis.

Nese eido, dixo, en 2009, despois de ano e medio de vigor desta lei, asinouse o primeiro protocolo de coordinación interinstitucional entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta de Galicia para unha mellor atención e protección ás mulleres vítimas de trata. “Por primeira vez, as vítimas de trata teñen unha rede de recursos onde acudir, xa que en colaboración con varias ONGs téñense habilitado centros de acollida para as vítimas desta terrible vulneración dos dereitos humanos”, destacou a secretaría xeral.

Do mesmo xeito, lembrou, continúa a prestación periódica dirixida ás mulleres que sofren violencia de xénero, establecida polo artigo 39 da lei, e que pasa a ter nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2010, un incremento do 7% respecto ao exercicio do ano 2009, cun total de 1.697.800 euros orzamentados en 2010.

A importancia dos concellos

Outro dos eixos de actuación das políticas de igualdade da Xunta de Galicia, que destacou a secretaria xeral foi o reforzo do papel dos concellos nesta materia, xa que son eles os que mellor coñecen as necesidades das súas e dos seus cidadás, grazas á súa proximidade xeográfica.

Por iso, a actual rede de 77 Centros de Información ás Mulleres (CIMs) dependentes da administración local e promocionados dende o Servizo Galego de Igualdade, que financia boa parte do seu mantemento, así como se encarga da comunicación entre os centros e da formación do seu persoal, será ampliada con alomenos tres novos centros naquelas comarcas menos dotadas, así como o reforzamento dos preexistentes, nun esforzo por conseguir unha maior atención ás mulleres en todo o territorio.

Ademais, lembrou outras iniciativas realizadas en 2009 e que continuarán ou se desenvolverán no 2010, como a creación, en colaboración coa Consellería de Cultura, da unidade Concepción Arenal de Estudos das Mulleres na Biblioteca de Galicia, dedicada aos estudos das mulleres, que conta agora mesmo con máis de 6.000 volumes, e que continuará incrementándose a partir das achegas aportadas desde a área de Igualdade; a realización, xunto coa Secretaría Xeral para o Turismo, do programa “Outono nas termas”, no que participaron en 2009 unhas 600 mulleres pertencentes a asociacións de toda Galicia; ou o programa "Galicia acolle en igualdade", como resultado do convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral da Igualdade, a Secretaría xeral de Emigración e a Asociación de Centros Homologados, co obxectivo dar a coñecer á comunidade inmigrante a lexislación vixente, os recursos sociais existentes e os lugares a onde acudir no caso de seren vítimas ou coñecedores dun caso de violencia contra as mulleres. No marco deste programa elaborouse a Guía de Recursos Fronte a Violencia de Xénero para a Poboación Inmigrante.

Ademais mencionou tamén o proxecto transfronterizo con Portugal e Castela e León “Eles Tamén”, que comezou a finais de 2009 e que ten como obxectivo promover a conciliación e corresponsabilidade, desde o ámbito de actuación das asociacións de homes pola igualdade.

A educación en igualdade

Antes de rematar a súa intervención Marta González lembrou que a educación é un ámbito fundamental para erradicar a violencia e fomentar a igualdade entre mulleres e homes. Por iso, dixo, desde a secretaría xeral da Igualdade temos convocatorias de axudas a Universidades e Organismos Públicos de Investigación galegos para o apoio á execución de programas sobre igualdade no ámbito universitario e de investigación. Tamén, en colaboración entre a Consellería de Educación, está en funcionamento o Seminario Permanente de Educación para a Igualdade, unha unidade desde a que se fomentan actuacións para a educación en igualdade nos colectivos de profesorado, alumnado e familias.

Asimesmo, sinalou a secretaria xeral, elabóranse publicacións, realizánse congresos e xornadas, como o Foro galego de educación para a igualdade ou a Xornada galega de pais e nais educando en igualdade, así como se levan a cabo actuacións de carácter innovador nos centros educativos.

Por último, Marta González avanzou algunhas liñas do vindeiro Plan de Traballo da Área de Igualdade, que se está rematando de elaborar, e que terá unha duración de catro anos e ten coma obxectivo servir de marco ás diferentes actuacións en materia de igualdade que se están comezando a por en marcha.

O plan, que estará rematado nos vindeiros meses e contará con obxectivos claros e medidas concretas, con indicadores de resultados e orzamentos para todas as actuacións, está estruturado en nove áreas: A prevención e a eliminación da violencia de xénero en todas as súas manifestacións; a formación, o emprendemento e o emprego; a conciliación e a corresponsabilidade; a participación en igualdade das mulleres; a igualdade nos ámbitos científicos e tecnolóxicos; a educación; a cultura, a comunicación e o deporte; a inclusión social; e a cooperación desde unha perspectiva de xénero.

 

 

Contido: