- Galego
- Castellano
O alcalde considera sorprendente que un concello das características poboacionais de Ames careza de Centro de Información ás Mulleres.
En 2010 e 2011, o anterior equipo de goberno presentou proxectos só a unha das catro liñas de axudas que convoca a Secretaría Xeral da Igualdade para as administracións locais nesta materia.
Santiago, 20 de xullo de 2011.- A Secretaría Xeral da Igualdade e o Concello de Ames realizaron hoxe unha primeira análise da viabilidade de crear un Centro de Información ás Mulleres (CIM) na localidade que, dadas as súas características poboacionais, "resulta sorprendente que careza de él", en palabras do alcalde, Santiago Amor. O proxecto dese futuro CIM en Ames centrou boa parte da xuntanza celebrada esta mañá entre a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e o alcalde de Ames, Santiago Amor, na que tamén estiveron as concelleiras de Igualdade, María González, e Servizos Sociais, María Dolores Fernández.
A reunión servíu para marcar unha folla de ruta de colaboración entre ambas as partes, en áreas de gran importancia dacordo aos criterios que a corporación quere imprimir á xestión municipal, entre as que o alcalde destacou, amais do CIM, as relacionadas cos programas e axudas á conciliación.
A titular de Igualdade da Xunta de Galicia valora moi positivamente a actitude do novo equipo de goberno de Ames e a súa sensibilidade en materia de igualdade de oportunidades e agarda unha estreita colaboración entre as partes, no marco das catro convocatorias públicas de axudas establecidas polo departamento dirixidas aos concellos de Galicia.
Estas catro liñas da Secretaría Xeral de Igualdade están adicadas á promoción da igualdade, programas de conciliación, prevención e loita contra a violencia de xénero e subvencións aos Centros de Información ás Mulleres (CIM). Na convocatoria do pasado ano 2010, o Concello de Ames somentes concurríu a unha destas catro convocatorias, na que obtivo unha axuda de 6.500 euros para o desenvolvemento dun plan de acción integral contra a prostitución e a erradicación da trata. Do mesmo xeito, na convocatoria de 2011 Ames só concurríu a unha das liñas de axudas, a de promoción da igualdade, que se resolverá nos vindeiros días.