Marta González considera retos de futuro o fin da violencia contra as mulleres e a implicación dos homes coa igualdade

A secretaria xeral da Igualdade manifestou en Cádiz, onde asiste ao Foro Europeo de Mulleres Beijing+15, que Galicia xa deu pasos importantes no camiño de involucrar aos homes en materia de igualdade. Salientou tamén que o maior acceso das mulleres á educación superior e os notables avances na implantación da Lei de Dependencia en Galicia axudarán a que cada vez máis mulleres accedan ao mercado laboral.

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, considerou que a loita contra todo tipo de violencia contra as mulleres e a implicación activa dos homes para lograr unha sociedade igualitaria, son dous dos principais retos que teñen por diante os gobernos europeos, e resaltou que dende a Xunta de Galicia xa se están dando pasos nesa dirección.

Marta González facía esta valoración en Cádiz, onde asiste ao Foro Europeo de Mulleres Beijing+15, organizado no ámbito da presidencia española de turno da Unión Europea, e no que hoxe se presentou o informe elaborado pola Presidencia de turno sueca da UE sobre o cumprimento, por parte dos Estados membros, do Plan de Acción aprobado na Conferencia de Beijing hai quince anos.

Unha das conclusións dese informe indica que, tanto en materia de violencia de xénero, como de conciliación e corresponsabilidade, os homes teñen que ter unha participación máis activa na procura de solucións.

A secretaria xeral da Igualdade concordou con ese punto de vista, xa que "aínda que se avanzou moito en material de igualdade, queda un treito por percorrer para conseguir que a sociedade no seu conxunto, e os homes en particular, vexan a cuestión da desigualdade entre homes e mulleres como unha cuestión de dereitos humanos, que se se resolve favorecerá a toda a sociedade".

Por iso, dixo, dende a Xunta de Galicia "entendemos que é precisa a implicación e a decidida vontade de toda a sociedade" na mellora da situación, dende hai uns meses "comezamos o traballo en rede coas asociacións de homes pola igualdade" no programa "Eles tamén", no que participan no só asociación galegas, tamén portuguesas e de Castela e León, aínda que esta rede podería ampliarse a outras comunidades.

A violencia contra as mulleres

Un dos retos europeos é combater a violencia contra as mulleres en todas as súas esferas. Para iso, o informe presentado hoxe recomenda reforzar a prevención, a coordinación e a cooperación entre os servizos sociais, as forzas e corpo de seguridade, as administración, o sistema xudicial e os/as profesionais da saúde.

Nese sentido, Marta González recoñeceu que "os maiores logros a nivel global na UE déronse respecto ao gravísimo problema da violencia de xénero" e aínda que "as cifras seguen sendo moi alarmantes", todos os países puxeron en marcha programas lexislativos e sociais para previr e atallar este problema.

Sen embargo, lamentou, a implicación dos gobernos e da sociedade "non foi a mesma con outros tipos de violencia contra as mulleres como é a prostitución e a trata de mulleres con fins de explotación sexual", por iso considerou "moi positivo" que no informe de seguimento Beijing+15 se fixese referencia a ese tipo de violencia, e combatela fose un dos retos de futuro.

De feito, sinalou, "nunha sociedade que ten na defensa dos dereitos humanos un dos seus piares básicos, é evidente que non ten cabida a prostitución e a trata de mulleres", o que acontece é que "como afectan case exclusivamente a mulleres procedentes dos lugares mais desprotexidos do planeta, tendemos a ver este fenómeno como algo distante da nosa situación, pero o certo e que temos gravísimos casos no noso entorno, como se puido evidenciar ultimamente coas detencións e peches de clubs de alterne en Lugo", por falar dun exemplo recente.

"A preocupación da Unión Europea nesa materia é partillada pola Xunta de Galicia, que nese sentido xa deu un paso adiante en materia de colaboración entre as distintas administracións e actores implicados no proceso", indicou a secretaria xeral da Igualdade, que lembrou que  o pasado mes de xaneiro o Presidente Alberto Nuñez Feijóo e o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, asinaron un Protocolo de actuación en materia de trata de persoas con fins de explotación sexual, que garante máis seguridade e dereitos as vítimas.

As mulleres e a vida laboral

No informe presentado hoxe en Cádiz, e que o próximo mes de marzo será presentado pola ministra da Igualdade española, Bibiana Aído, na 54ª Sesión da Comisión da Muller das Nacións Unidas en Nova York, no que tamén estará Marta González, presentouse un dato moi significativo: España é o cuarto país da UE, despois de Luxemburgo, Malta e Chipre, con máis mulleres que non acceden ao mercado laboral por razóns familiares, xa sexa por coidar de menores ou de maiores con dependencia.

Nese eido, a secretaria xeral da Igualdade recoñeceu que "partimos, especialmente en Galicia, dunha situación de retraso con respecto a outros países europeos" e aínda que "nas últimas dúas décadas os avances foron espectaculares" a situación "é diferente en países onde a familia, como estrutura social básica, está máis arraigada", pero as cousas están mudando, xa que se trata dunha cuestión xeneracional, unha vez que estamos ante "as xeracións de mulleres mellor preparadas da historia" e ante "unha feminización da educación superior, que necesariamente se traducirrá nunha redución desa cifra".

Ademais, para solucionar esa situación tamén contribuirá "o desenvolvemento da Lei de Dependencia, na cal, afortunadamente estamos alcanzando avances moi notables, e que deberá supor unha mellora da situación de moitas mulleres, que verán aumentadas as súas oportunidades de emprego", concluíu Marta González, que mañá asistirá á última xornada deste foro no que no Panel de Alto Nivel se abordará o tema das Mulleres e toma de decisión.

Colaborar con outras comunidades

Á marxe das conferencias, durante a xornada de hoxe a secretaria xeral tivo a ocasión de coñecer da man da alcaldesa de Cádiz, Teófila Martínez, a situación das mulleres na vila andaluza, así como as estratexias que están a desenvolver no traballo pola igualdade entre mulleres e homes e para a erradicación da violencia de xénero. Ambas responsables amosaron a súa total dispoñibilidade para posibles colaboracións en materia de igualdade.

Ao longo da maña, Marta González tamén conversou coas directoras xerais das Mulleres da Junta de Castilla y León, Alicia García, así como a súa homologa en Valencia, a directora xeral da Muller e pola Igualdade, Celia Ortega. Durante a conversa, analizaron os indicadores de igualdade e violencia de xénero nas súas comunidades autónomas e identificaron como problema común a necesidade de afondar na coordinación a nivel estatal para poder establecer colaboracións entre o conxunto de rexións españolas, unha coordinación que redundaría nunha mellor resposta global e nunha maior eficiencia no gasto público.

Colectivo: