Máis de mil persoas recibiron no que vai de ano formación gratuíta da Xunta en igualdade laboral

A Xunta celebrou hoxe un novo obradoiro en liña para máis de 300 persoas sobre a formación nas empresas con perspectiva de xénero

Os primeiros cinco talleres impartidos a través do campus virtual de igualdade laboral permitiron acreditar a formación de 982 persoas

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022.-
 
O espazo de teleformación da Xunta en materia de igualdade laboral ofreceu hoxe o sexto obradoiro gratuíto en liña de 4 horas co título A formación das empresas con perspectiva de xénero que contou con 310 persoas inscritas. A Consellería de Emprego e Igualdade xa leva emitidas máis de 1.000 acreditacións formativas en igualdade laboral no que vai de ano, entre as que se contan as relacionadas cos cinco obradoiros que anteceden ao de hoxe, así como dos cursos de 10 horas sobre prevención e tratamento do acoso sexual no traballo.
 
Máis de 160 empresas participaron tamén no primeiro trimestre deste ano en diferentes xornadas formativas organizadas por diferentes entidades sobre temas como os plans de igualdade, a responsabilidade social empresarial ou a conciliación.
 
Co novo taller que hoxe inaugurou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, preténdese afondar na integración do principio de igualdade na planificación da formación; desde a análise da participación de mulleres e homes en condicións de igualdade, o uso dos permisos, o acceso prioritario á cualificación das mulleres de sectores masculinizados, ou a oferta de módulos específicos de igualdade laboral, entre outros temas.
 
“Os plans de formación son fundamentais para a maioría das empresas, e por iso estas deben garantir que o acceso á formación é o mesmo para as mulleres que para os homes; facer o contrario é desaproveitar o talento feminino”, afirmou a directora xeral. Para Mancha, unha cualificación que non atenda á necesaria perspectiva de xénero, “tería incidencia directa no que chamamos teito de cristal, que impide ás mulleres acadar postos de liderado nas organizacións”.
 
Impartiron a formación de hoxe a profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Santiago, María Consuelo Ferreiro, e a formadora e asesora en materia de igualdade e dereitos humanos, Lucía Rial. Pola parte das empresas invitadas, Lucía González e Pilar Martínez, responsables de comunicación e recursos humanos de Dinahosting S.L. expuxeron a súa experiencia.
 
A de hoxe foi a sexta formación en liña que a Administración galega ofrece a través da plataforma. As persoas participantes poden obter o correspondente certificado de aproveitamento do taller sempre que asistan á sesión en liña e respondan satisfactoriamente a polo menos o 70 % das cuestións expostas no test de avaliación que se facilita ao seu remate con varios días para poder cumprimentalo.
 
Nestes momentos, ademais, estase a celebrar a 6ª edición do curso básico de 8 horas en igualdade laboral con 611 persoas participantes, que concluirá o próximo 6 de maio.
 
En 2022 o Goberno galego ofertará 5.000 prazas a través do seu espazo virtual de teleformación en igualdade laboral (https://igualdade-laboral.gal/) con cursos que afondarán, entre outras cuestións, na fenda salarial, a desconexión dixital, os teitos de cristal ou o teletraballo.
 
Tema: