Luis López destaca o traballo e a educación en valores do CEIP de Marcón a prol da igualdade

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra visita o colexio pontevedrés e mantén un encontro con Nadia Fernández, premiada no concurso escolar de carteis da Xunta polo 8 de Marzo, e cos seus compañeiros de 1º de Primaria

 O deseño da estudante pontevedresa, co título “A igualdade está nas nosas mans”, obtivo o segundo galardón na súa categoría no certame autonómico organizado entre todos os centros de Galicia con motivo do Día Internacional da Muller

“Este colexio é un exemplo do que se está a facer no ensino en Galicia para avanzar na consecución da igualdade real e efectiva e ademais é o espazo máis importante porque as nenas e nenos son os que marcarán o futuro”, explicou Luis López

  •  Luis López destaca o traballo e a educación en valores do CEIP de Marcón a prol da igualdade
  •  Luis López destaca o traballo e a educación en valores do CEIP de Marcón a prol da igualdade

Pontevedra, 18 de marzo de 2022.-

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe o traballo e a educación en valores a prol da igualdade que está a desenvolver o CEIP de Marcón, no Concello de Pontevedra, con motivo da súa visita ao centro para manter un encontro coa estudante Nadia Fernández Vázquez, premiada no concurso escolar de carteis do Goberno Galego polo 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.

O representante autonómico, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, foi recibido pola directora, Carmen Lens, e pola titora de 1º de Educación Primaria, Silvia Puga, para coñecer este colexio público e, posteriormente, departir coa alumna distinguida co segundo premio da categoría infantil do citado concurso e cos seus compañeiros de curso. Neste encontro entregoulles a todos un pequeno agasallo consistente en material promocional do Xacobeo 2021-2022.

“Este colexio é un exemplo do moito que se está a facer no ensino en Galicia para avanzar na consecución da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e ademais os centros educativos son o espazo máis importante para traballar nesta liña porque as nenas e nenos están en fase de formación e son os que marcarán o futuro da nosa terra”, explicou Luis López.

O deseño elaborado por Nadia Fernández Vázquez, co título “A igualdade está nas nosas mans”, promove a igualdade de dereitos e responde, cunha bonita estética, ao fomento da promoción da igualdade nos centros educativos, a visibilización da imprescindible contribución das mulleres á sociedade e o impulso da reflexión sobre os estereotipos e as discriminacións por razóns de xénero.

Este certame, que celebrou a súa entrega de premios no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela, foi impulsado pola Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional e a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta.


 
Tema: