Lorenzana reafirma o compromiso da Xunta na loita contra a desigualdade de xénero e no fomento do liderado feminino

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha xuntanza coa presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes, para abordar novas liñas de colaboración

A reunión forma parte da rolda de contactos que está a manter a titular de Emprego e Igualdade cos principais axentes sociais e económicos de Galicia

Destacou que a Administración autonómica comparte co colectivo a preocupación pola igualdade e o emprego en Galicia

  •  Lorenzana reafirma o compromiso da Xunta na loita contra a desigualdade de xénero e no fomento do liderado feminino
  •  Lorenzana reafirma o compromiso da Xunta na loita contra a desigualdade de xénero e no fomento do liderado feminino

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2020.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reafirmou hoxe, nunha xuntanza que mantivo con Executivas de Galicia en Santiago de Compostela, o compromiso do Goberno galego na loita contra a desigualdade de xénero e no fomento do liderado feminino nos ámbitos empresarial e laboral. A reunión forma parte da rolda de contactos que está a manter Lorenzana cos principais axentes sociais e económicos de Galicia.

Lorenzana e a presidenta de Executivas de Galicia, Carla Reyes, abordaron as liñas de colaboración que a Administración autonómica mantén con este colectivo que traballa para visualizar e impulsar o empoderamento feminino como motor de futuro e axente clave no desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

A titular de Emprego e Igualdade destacou que a Xunta comparte os retos e valores desta asociación e a súa preocupación polo emprego e igualdade en Galicia e, por iso, lembrou que a Administración autonómica ten en marcha o programa Emprega Feminino que ten como reto principal habilitar as condicións laborais idóneas para que as emprendedoras e autónomas traballen sen restricións.

Lorenzana puxo en valor o traballo das emprendedoras e autónomas galegas que están a liderar a actividade profesional para contribuír á reactivación económica e sinalou a importancia de fortalecer a posta en marcha de medidas encamiñadas a rebaixar a fenda salarial, potenciar a presenza feminina en postos de responsabilidade e facilitar a conciliación.

Sinalou, así mesmo, que un dos retos do Goberno galego é apoiar o empoderamento económico e social das mulleres en todos os sectores, público e privado. Así, apuntou que o VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020 recolle dentro dunha das súas áreas estratéxicas a igualdade no emprego e innovación, fomentando a igualdade nas condicións laborais e no desenvolvemento da carreira profesional.

Tema: