Lorenzana entrega os premios aos centros escolares recoñecidos no certame gráfico e audiovisual convocado pola Xunta polo 25-N

A conselleira da Igualdade puxo en valor as propostas presentadas que destacaron pola súa orixinalidade e carácter reflexivo

Centros de Lugo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Cee (A Coruña), Ourense, Ferrol, Salvaterra de Miño (Pontevedra) e Burela (Lugo) recolleron os seus galardóns

A conselleira e as persoas participantes gardaron un minuto de silencio en homenaxe ás vítimas e para sensibilizar no Día internacional contra a violencia de xénero

  •  Lorenzana entrega os premios aos centros escolares recoñecidos no certame gráfico e audiovisual convocado pola Xunta polo 25-N
  •  Lorenzana entrega os premios aos centros escolares recoñecidos no certame gráfico e audiovisual convocado pola Xunta polo 25-N
  •  Lorenzana entrega os premios aos centros escolares recoñecidos no certame gráfico e audiovisual convocado pola Xunta polo 25-N

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2022.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, entregou hoxe nun acto na Cidade da Cultura, os premios de creación gráfica e audiovisual do concurso convocado polo 25-N, día internacional contra a violencia de xénero. A titular de Igualdade aplaudiu as propostas individuais e colectivas deste ano, que destacaron pola súa orixinalidade e reflexión acerca dunha problemática que adquire novas caras.

 

“Ano tras ano, e xa van catro , convocamos este concurso cun único obxectivo de promover a reflexión sobre a necesaria loita contra a violencia de xénero dentro dos centros educativos a través da ollada de vós, dos máis pequenos”, afirmou Lorenzana ante os participantes, e puxo en valor a importancia de ter “unha mirada fresca e renovada que visibiliza a educación en igualdade”.

 

As propostas gráficas e audiovisuais deste ano, puxo en valor, destacaron polas “mensaxes directas e claras en contra da violencia de xénero” e por ser “propostas orixinais e de calidade, mostra da gran sensibilidade e conciencia” que a xuventude ten sobre o tema.

 

A Xunta promove a formación en valores como un eixo transversal de todas as políticas educativas. “En Galicia temos ese compromiso: queremos formar bos estudantes e tamén bos cidadáns, por iso, queremos que as nosas aulas sexan verdadeiros espazos de inclusión e liberdade”, dixo Lorenzana.

 

Premiados

Escolares de Lugo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Cee (A Coruña), Ourense, Ferrol, Salvaterra de Miño (Pontevedra) e Burela (Lugo) recolleron hoxe os seus galardóns.

 

Na 1ª categoría de imaxe gráfica -5º e 6º de educación primaria e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e educación especial- resultou recoñecido un alumno do IES Ánxel Fole de Lugo polo traballo Non sexas o seu xoguete. Ocupou o 2º posto, Sempre hai portas por abrir, doutro estudante de 1º de ESO do Colexio Santo Ángel de Ourense.

 

Na modalidade audiovisual desta mesma categoría, foi recoñecido o traballo Entendes ou non, a proposta do CEIP Mestre Martínez Alonso de Pontevedra. Foi segundo o CIFP Pintor Antonio Fernández, tamén de Pontevedra, por Trata como queiras que che traten!!

 

Na 2ª categoría -dirixida a 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP básica e de ciclos de grao medio e superior- o primeiro posto en imaxe gráfica foi para un grupo de 1º de Bacharelato do IES de Sar, de Santiago de Compostela, pola súa proposta O amor non morde. Concedéronse tamén un segundo premio, a un equipo de 2º de Bacharelato do IES Salvaterra de Miño (Pontevedra), polo traballo Abre os ollos, están matando mulleres;  e un accésit ao cartel do CIFP Leixa de Ferrol, co título: A violencia non che dá poder.

 

Na modalidade audiovisual destes cursos, os recoñecementos foron para dúas equipas. O primeiro para Control virtual, violencia real, a proposta do ciclo medio de xestión administrativa do IES Fernando Blanco de Cee (A Coruña). A plata foi para Non cales. Fala, montaxe realizada por 1º de Bacharelato do IES Monte Castelo de Burela (Lugo).

 

Todos os galardoados, ben a título individual como colectivo, recibiron cheques regalo para investir no comercio local e os centros representados, cadanseus lotes de libros.

 

Minuto de silencio

A entrega de premios fíxose coincidir coa conmemoración do Día internacional contra a violencia de xénero. A conselleira, acompañada dos asistentes, uniuse no recinto ao minuto de silencio en conmemoración das vítimas e de chamada a loitar contra a violencia de xénero.