A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor na xuntanza do Consello Galego das Mulleres a nova Lei galega de igualdade que o venres pasado recibiu a aprobación do Consello da Xunta para iniciar agora a súa tramitación parlamentaria coa previsión de que estea vixente antes de que remate esta Lexislatura.
O texto legal regulará a sustentabilidade social empresarial para acadar o benestar laboral que será un dos eixos das políticas autonómicas para a igualdade laboral de mulleres e homes, avogando pola corresponsabilidade, o teletraballo e a racionalización e flexibilización horaria nas empresas. En palabras de Lorenzana, son cuestións fundamentais para avanzar na igualdade de oportunidades, o desenvolvemento dun traballo coas empresas para que incorporen os principios do benestar laboral aos seus modelos de xestión como son, entre outros, ademais da racionalización dos horarios, a mellora da conciliación das persoas traballadoras “poñendo o foco non só nas mulleres, tamén nos homes”, engadiu.
Lorenzana tamén incidiu na importancia da formación para reter talento e en que a nova normativa reforza o compromiso autonómico para a eliminación da discriminación á muller e dos ataques sexistas nos medios tecnolóxicos. Neste senso, avanzou que se outorgarán funcións aos Centros de Información á Muller (CIM) para que poidan aconsellar ás mulleres nas accións legais que poden tomar para retirar este tipo de contidos. A Lei, neste ámbito, recoñecerá a discriminación múltiple e interseccional e promoverá espazos seguros e libres de acoso sexual nas cidades e en eventos multitudinarios.
A través da Lei crearase, así mesmo, o Estatuto das mulleres rurais e do mar, dous colectivos que contarán co seu respectivo Observatorio como órgano colexiado para poñer en valor as súas necesidades e no que se sentará, ademáis da Administración galega, o tecido asociativo, sindicatos, patronal e a Fegamp. O documento é o resultado do proceso participativo que permitiu incorporar máis de 200 alegacións.
II Plan de Benestar Laboral
A titular de Igualdade, así mesmo, destacou as características principais do II Plan de Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade de Galicia, que aprobou o Consello da Xunta o pasado mes de abril. É un documento que servirá de marco programático para as políticas autonómicas que se desenvolvan ata 2025, co foco posto no fortalecemento dos recursos de apoio ás familias e na dignificación dos traballos de coidado. O Plan é o resultado dun proceso de participación aberto desde Igualdade a todas as consellerías e ao propio Consello Galego das Mulleres, no que están representados o asociacionismo feminino, organizacións empresariais e sindicais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
O II Plan conta con 42 medidas que quedan artelladas en torno a cinco áreas estratéxicas: sensibilización e coñecemento, coeducación, xestión corresponsable dos tempos e dos espazos, compromiso co benestar laboral e fortalecemento dos recursos de apoio ás familias no apoio á crianza e para a asunción da corresponsabilidade entre homes e mulleres nos coidados.
Cun orzamento global de máis de 1.100 millóns de euros, destaca o esforzo investidor (cerca de 950M€) que no marco do plan se realizará para fortalecer os servizos públicos de apoio ás familias, para facilitar a conciliación e os coidados das persoas. Contempla medidas destacadas como a xa implantada gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos; axudas directas ás familias para asumir os gastos extra que implica ter crianzas; o impulso de programas e recursos de conciliación dirixidos aos núcleos con maiores necesidades de apoio á crianza; así como o fomento da implicación dos homes no ámbito dos coidados.
Unha das novidades do Plan radicará na creación dun repositorio de boas prácticas sobre conciliación e corresponsabilidade que permita inspirar ás diferentes entidades; e tamén, como novidade, o documento engade dous principios reitores, froito do proceso participativo de elaboración: un sobre a consideración da ruralidade e un segundo sobre discapacidade. Tamén incorpora ao seu título e contido o concepto de benestar laboral coa finalidade de consolidar accións de apoio e recoñecemento ás empresas para a implantación efectiva de medidas de conciliación, flexibilización do tempo de traballo e racionalización horaria.