Lorenzana anuncia a apertura do prazo para que os 84 Centros de Información á Muller de Galicia soliciten as axudas para a mellora das súas infraestruturas

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou o Centro de Información á Muller (CIM) de Marín

A Xunta activou apoios por valor de 734.000 euros para a mellora destas oficinas e para dotalas de medidas de eficiencia enerxética, de accesibilidade ou equipamento

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 27 de febreiro

O CIM de Marín atendeu desde 2013 máis de 8.000 consultas de 954 mulleres, a maior parte de asesoramento xurídico ou sobre violencia de xénero

Lorenzana avogou por estender a cobertura dos CIM ao 100% do territorio galego e puxo en valor o traballo que a Consellería desenvolve coa Fegamp para mellorar os seus servizos e a formación das traballadoras

  • Lorenzana anuncia a apertura do prazo para que os 84 Centros de Información á Muller de Galicia soliciten as axudas para a mellora das súas infraestruturas
  • Lorenzana anuncia a apertura do prazo para que os 84 Centros de Información á Muller de Galicia soliciten as axudas para a mellora das súas infraestruturas

Marín (Pontevedra), 30 de xaneiro de 2023.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as dependencias do Centro de Información á Muller (CIM) de Marín, onde anunciou a apertura do prazo das novas axudas por 734.000€ convocadas pola Xunta de Galicia para a mellora das infraestruturas e equipamento destes recursos que, segundo indicou, son fundamentais na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero.

Lorenzana destacou como valor dos CIM a proximidade coa que artellan intervencións globais dirixida especificamente ás mulleres. Remarcou, así, o seu labor na prestación de servizos multidisciplinares como asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e socioloaboral, entre outros. A titular de igualdade subliñou, na mesma liña,  “a importancia da rede de recursos creados entre os concellos, a Administración autonómica e as entidades sociais para atender ás mulleres, para conseguir ir eliminando a violencia de xénero e seguir traballando con todas as mulleres de Galicia”.              

O Goberno galego convocou o pasado venres unha nova liña de axudas, co prazo de solicitude aberto ata o próximo 27 de febreiro, para que estes centros de xestión municipal poidan solicitar axudas para a conservación, a eficiencia enerxética, a accesibilidade e o equipamento. Tal e como detallou, a liña dotada con 734.000 euros prestará apoio ás entidades locais titulares dos CIM con achegas de ata 16.640 euros.

Galicia conta na actualidade con 84 centros que dan cobertura de maneira universal e gratuíta a 193 concellos , o 61,7% do total na comunidade. O propósito do Goberno galego segue sendo ampliar esta Rede e esta cobertura ao 100% da xeografía galega para que ningunha muller se sinta desamparada e conte con servizos de axuda o máis preto posible do seu fogar, remarcou a conselleira.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade traballa coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para perfilar melloras para a Rede de centros que operan en Galicia e para as súas profesionais que, como destacou Lorenzana, desenvolven o seu traballo con “eficacia e con empatía”.

A Xunta, así, seguirá a ofrecer formación especializada e continuada a todas as profesionais para brindar a mellor atención posible ás usuarias e de estender a cobertura dos centros a todos os puntos do territorio galego.

O CIM de Marín atendeu desde 2013 un total de 8.250 consultas de 954 mulleres, a maior parte delas entre os 25 e os 54 anos de idade que requiriron, sobre todo, información no eido do  asesoramento xurídico (1.661) ou de violencia de xénero (1.401).

Lorenzana rematou remarcando a importancia de que concellos como o de Marín formen parte da Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, e que conten con mesas locais de coordinación interinstitucional contra esta lacra, que permiten amplificar os recursos para as mulleres e para as vítimas en toda Galicia.