Igualdade presentou a II Guía de Literatura Infantil e Xuvenil non discriminatoria

A guía reúne 50 obras da literatura en galego destinadas aos nenos e as nenas de entre 0 e 18 anos, nas que se recolle o valor da igualdade e se racha cos estereotipos sexistas.

  • Igualdade presentou a II Guía de Literatura Infantil e Xuvenil non discriminatoria
  • Igualdade presentou a II Guía de Literatura Infantil e Xuvenil non discriminatoria
  • Igualdade presentou a II Guía de Literatura Infantil e Xuvenil non discriminatoria

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, presentou hoxe, no Instituto de Ensinanza Secundaria Rosalía de Castro de Santiago, a II Guía de Literatura infantil e xuvenil non discriminatoria, que reúne 50 obras para nenos e nenas de entre 0 a 18 anos que promoven un tratamento igualitario entre homes e mulleres a través das súas historias.

Marta González lembrou que "os libros son fundamentais na transmisión de valores e na formación da persoal" por iso, "é importante que neses valores e nesa interpretación do mundo se reflicta a profunda transformación social que supón a imparable equiparación en dereitos das mulleres con respecto aos homes".

A guía foi elaborada pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GALIX) por encargo da Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a través do seu Seminario Permanente de Educación para a Igualdade, que ten por obxectivo traballar na formación e na información do profesorado, e das nais e pais, cara á súa decidida implicación na consecución dunha escola coeducativa e igualitaria, na que desaparezan prexuízos de carácter sexista e que permita o desenvolvemento libre e integral das persoas.

A secretaria xeral explicou que "a literatura reflicte a transformación do papel das mulleres nas sociedades occidentais" e  nesta guía, que é unha continuación da realizada no ano 2004, "se fai unha escolma daquelas obras máis significativas da literatura infantil e xuvenil en galego nas que se recolle claramente o valor da igualdade entre nenas e nenos, o protagonismo feminino ou a ruptura con esquemas preestablecidos e xa caducos en relación con aptitudes e comportamentos marcados polo sexo das persoas protagonistas".

Esta segunda Guía de Literatura Infantil e Xuvenil non Discriminatoria, tenta destacar obras en que as nenas cumpren un papel protagonista activo e senlleiro; sinalar narracións en que tanto as cativas como os cativos se ven liberados dos roles de xénero máis esterotípicos; reflectir textos en que o maltrato e a violencia, en calquera das súas formas, son claramente condenadas ou nos que se establece unha reflexión profunda a partir delas; valorizar os saberes tradicionalmente considerados femininos; impulsar os valores de igualdade, paz e tolerancia a través da literatura; e achegar outras culturas para que se coñeza a situación de nenas e mulleres en ámbitos diferentes ao europeo.

Marta González incidiu en que "a literatura adoita reflectir a problemática e a ideoloxía do seu tempo, polo que todo texto literario conta cunha mensaxe, da que ás veces as autoras e autores non son conscientes" por iso, dixo, "é preciso continuar procurando unha viraxe nos cambios de actitude en torno aos papeis tradicionais de homes e mulleres para conseguir unha sociedade máis igualitaria e, polo tanto, máis xusta".

A guía que será distribuída polos centros educativos galegos tamén estará dispoñible nesta páxina.