Igualdade oferta as accións 2015 aos integrantes na ‘Rede de entidades locais contra a violencia de xénero’

Como novidade, celebraranse obradoiros educativos para previr as novas formas de violencia no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sexting...

Tamén haberá teatro, unha exposición gráfica e encontros lúdicos, deportivos e terapéuticos para mulleres maltratadas e os seus fillos e fillas menores

Os concellos interesados en programar algunha destas actividades deberán cubrir o formulario que recibiron por correo e envialo á Xunta antes do 7 de outubro

Santiago, 28 de setembro de 2015.- A Secretaría Xeral da Igualdade vén de poñerse en contacto cos 158 concellos galegos adheridos á ‘Rede de Entidades locais contra a violencia de xénero’ para ofertarlles as accións nas que poderán participar ao longo do último cuadrimestre do ano.

Estas actividades non comportan custo económico algún para o concello e están enmarcadas nos obxectivos de prevención, información, formación e asistencia directa ás vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e fillos, que rexen a entidade.

Este ano ano o catálogo de actividades presenta unha novidade respecto a exercicios anteriores: os obradoiros educativos “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”. Están orientados a nenos, nenas e adolescentes, preferentemente expostos a situacións de violencia machista e céntranse no coñecemento e a prevención das novas formas de violencia que xurden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sexting...

Ademais continuará a exposición gráfica “Cartas de Amor”, que aglutina ilustracións de diversos artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade; e o programa "Desconexión", que consiste en encontros lúdicos, deportivos e terapéuticos para reforzar vínculos materno-filiais e socio-afectivos entre mulleres maltratadas e as súas fillas e fillos menores.

Por último, os concellos interesados tamén poderán solicitar a representación de “Pementeiras, unha historia de empoderamenteo feminino”, na que se abordarán a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero a través do teatro.

Para solicitar calquera destas actividades, os concellos deberán remitir á Secretaría Xeral da Igualdade o formulario que se lles enviou por correo antes do 7 de outubro. A selección realizarase atendendo á data de recepción das solicitudes e priorizando aos concellos que levan máis tempo na Rede e que non fixeran actividades durante os dous anos anteriores.

Rede de Entidades locais
A ‘Rede de Entidades locais contra a violencia de xénero’ é unha iniciativa froito dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), asinado en setembro de 2012. Configurase como un instrumento que permite conseguir o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación para conseguir a súa implicación e compromiso real contra esta lacra, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.

Así, ten como obxectivos promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras. Todo isto mediante o desenvolvemento de accións que a Secretaría Xeral da Igualdade ofrece ás entidades adheridas.