Igualdade lembra que as mulleres con discapacidade tamén son vítimas de violencia de xénero

A campaña do próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller, da Secretaría Xeral da Igualdade, estará destinada especificamente ás mulleres con discapacidades, xa que unha sociedade realmente igualitaria no pode excluír as persoas con capacidades diferentes. As mulleres con diversidade funcional viven a desigualdade de xeito máis pronunciado que os seus colegas varóns, e por suposto, existe unha maior posibilidade de sufrir violencia de xénero.

  • Igualdade lembra que as mulleres con discapacidade tamén son vítimas de violencia de xénero
  • Igualdade lembra que as mulleres con discapacidade tamén son vítimas de violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, afirmou hoxe na inauguración da xornada "Mulleres con discapacidade e violencia de xénero", organizada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), que non se pode esquecer que as mulleres con discapacidade tamén son vítimas de violencia de xénero.

Na súa intervención, González sinalou que as mulleres que sofren algún tipo de discapacidade "ven limitada de maior maneira que os homes a súa capacidade de acción e de desenvolvemento persoal polas trabas e prexuizos que afectan ás mulleres globalmente: trataríase dunha dobre limitación ou desvantaxe".

"É preciso acabar con esa invisibilidade das mulleres con discapacidade, sexan vítimas de violencia de xénero ou non", por iso, dixo a responsable de área de igualdade do goberno galego, "a campaña do próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller,  da Secretaría Xeral da Igualdade, estará destinada especificamente ás mulleres con discapacidades, xa que unha sociedade realmente igualitaria no pode excluír as persoas con capacidades diferentes".

Marta González lembrou "é preciso sensibilizar á opinión pública sobre a diaria violación dos dereitos humanos que enfrontan miles de mulleres na nosa sociedade e en todo o mundo" preo tamén hai que lembrar que  "é responsabilidade de toda a sociedade traballar para erradicar este gravísimo problema".

A secretaria xeral da Igualdade destacou que a violencia de xénero “é calquera violencia que se exerce sobre as mulleres polo mero feito de selo, é dicir, porque os homes que a exercen consideran que esas mulleres son seres inferiores, dependentes e polo tanto merecedoras de castigos se non fan aquilo que eles esperan delas” e esta violencia "afecta a mulleres de todo tipo e condición, e, como non, ás mulleres discapacitadas ou dependentes do mesmo xeito".

De feito, sinalou, "os estudos realizados na última década poñen de manifesto como en España as mulleres con diversidade funcional viven a desigualdade de xeito máis pronunciado que os seus colegas varóns, e por suposto, maior posibilidade de sufrir violencia de xénero”.

Marta González recalcou que si hai un grupo de persoas que dende fai décadas libra batallas para reivindicar os seus dereitos e liberdades, "é o do colectivo de persoas con diversidade funcional" que logrou traspasar o limitado enfoque médico asistencialista por un enfoque de dereitos humanos que se resume no concepto de vida independente que agora manexamos, "grazas a todo o traballo desenvolvido fundamentalmente polas asociacións e grupos de persoas que teñen traballado pola transformación do modelo, como COGAMI".

Dende a Xunta de Galicia sempre se recoñeceu ese traballo, e proba dese compromiso coa  igualdade real de todas e todos os galegos e galegas, é que no I Plan integral para Persoas con Discapacidade (2010-2013), "incorporouse unha área específica para mulleres que realizará actividades e actuacións durante os anos de vixencia do plan, e algunhas delas iran destinadas a previr a violencia de xénero nas mulleres con discapacidade, xa que está claro que precisan de medidas de acción positiva suplementarias con respecto ao resto das mulleres".

A secretaria xeral da igualdade rematou a súa intervención felicitando a COGAMi polo traballo realizado, especialmente pola recente creación dunha asociación de mulleres con discapacidade, ACADAR, e sinalando que aínda que se avanzou moito na integración das persoas con discapacidade, "mentres sexa preciso facer campañas e promover políticas de integración será un síntoma de que esa inclusión no esta normalizada"; desde o goberno da Xunta de Galicia "temos como obxectivo lograr unha sociedade inclusiva, con espazo para todas e para todos, e para iso é preciso outorgar unha especial atención ao colectivos con maiores dificultades".