Igualdade garante axudas para o mantemento dos Centros de Información á Muller

A Secretaría Xeral da Igualdade  adoptará medidas que permitan a todos os concellos galegos titulares de Centros de Información ás Mulleres (CIM) recibir axudas económicas para o mantemento do servizo en niveis similares aos de anos anteriores.

Responsables da Secretaría Xeral da Igualdade mantiveron esta semana unha serie de reunións con responsables da Federación Galega de Municipios (FEGAMP) e da dirección xeral da Administración Local, nas que se puxeron de manifesto as dificultades económicas polas que pasan moitos concellos para manter, nestes momentos de crise económica, os seus servizos de atención a cidadanía, e concretamente o de información e asesoramento ás mulleres.

Ante esa situación e tendo en conta que a atención ás mulleres é unha prioridade, a área de igualdade da Xunta de Galicia decidiu que, a pesar da crise é preciso facer un esforzo económico e por iso, de forma inmediata levará a cabo as medidas oportunas para que todos os concellos titulares de CIM reciban as axudas económicas necesarias para que poidan manter o servizo en niveles similares aos anos anteriores.

Os CIM son un servizo de información ás mulleres, de titularidade municipal, que proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional, teleasistencia móbil para vítimas de violencia de xénero, información en materia de recursos dispoñibles no ámbito territorial e calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade das mulleres, no seu ámbito de actuación, en xeral o concello e a comarca onde se ubica.

Ademais, coopérase cos distintos departamentos municipais para incorporar o principio de igualdade na Administración local e colabórase tamén cos organismos de igualdade locais e autonómicos para desenvolver programas de igualdade de oportunidades, sen esquecer a información sobre, así como as actividades e servizos desenvolvidos pola Xunta de Galicia en materia de igualdade e afíns. Xeralmente poñen a disposición de todas as persoas interesadas información e documentación relativa ás mulleres e á igualdade de oportunidades.