Igualdade e o Colexio de Psicoloxía asinaron un convenio para a atención ás vítimas de violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración para a atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero e a súas familias, e a homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar.

  • Igualdade e o Colexio de Psicoloxía asinaron un convenio para a atención ás vítimas de violencia de xénero
  • Igualdade e o Colexio de Psicoloxía asinaron un convenio para a atención ás vítimas de violencia de xénero
  • Igualdade e o Colexio de Psicoloxía asinaron un convenio para a atención ás vítimas de violencia de xénero
  • Igualdade e o Colexio de Psicoloxía asinaron un convenio para a atención ás vítimas de violencia de xénero
  • Igualdade e o Colexio de Psicoloxía asinaron un convenio para a atención ás vítimas de violencia de xénero

O acordo asinado hoxe inclúe dous programas de actuación en materia de violencia de xénero, un para mulleres vítimas e súas familias, e outro para homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar.

Marta González explicou que para a realización deste acordo a Secretaría Xeral da Igualdade achegará 154.600 euros, dos que 120.000 están destinados ao "Programa de Atención Psicolóxica a Mulleres que sofren Violencia de Xénero e para as e os menores e outras persoas dependentes que vivan ou padezan estas situacións de violencia de xénero", e 34.600 ao programa 'Abramos o Círculo', dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella, coa súa familia e co seu círculo social e desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade.

O convenio establece que se celebrará ademais unha xornada formativa para os e as profesionais que participan nestas actuacións. Co obxecto de lograr a máxima eficacia no funcionamento dos programas, o Colexio de Psicoloxía de Galicia deberá remitir trimestralmente información sobre a evolución e a participación en cada un dos programas, e a final do ano unha memoria, na que ademais de incluír as experiencias e conclusións dos programas, presentarán criterios de actuación para vindeiros exercicios.

Atención psicolóxica ás vítimas

O programa de atención psicolóxica a mulleres que sufran violencia de xénero está dirixido a aquelas mulleres que teñan sufrido violencia de xénero ou doméstica coa finalidade de ofertarlles recursos terapéuticos que lles axuden a afrontar a situación e a reforzar a súa autoestima, ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral, e complementariamente a menores e outras persoas dependentes delas que teñan pasado pola mesma situación.

O programa conta cunha rede de profesionais que levan a cabo a súa intervención en toda a Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, préstase un servizo telefónico de asesoramento e derivación para atención terapéutica personalizada.

No ano 2009 beneficiáronse deste programa 352 persoas, 270 mulleres, 78 menores e 4 persoas dependentes da vítima, que foron atendidos por 57 profesionais da psicoloxía.

Programa 'Abramos o Círculo'

Trátase dun programa de atención psicolóxica especializada e de apoio dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas nas relacións coa súa parella e coa súa familia e que desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade. Os homes acceden a este programa de forma voluntaria, pero non poden acceder a el como resultado dunha condena por malos tratos.

O programa ofrece dúas áreas de intervención: información e atención e intervención psicolóxica personalizada.

No ano 2009 beneficiáronse deste programa un total de 48 homes e participaron na intervención 21 profesionais da psicoloxía.