Igualdade convoca axudas para os homes que reduzan a súa xornada laboral para o coidado dos seus fillos ou fillas

Os pais traballadores ou familias monoparentais con fillos ou fillas menores de tres anos poderán beneficiarse destas axudas, que serán de pagamento único, por un máximo de 8 meses e un mínimo de 60 días. O apoio económico a aqueles traballadores que reduzan a súa xornada laboral para dedicarse ao coidado dos seus fillos e fillas é unha medida que, indirectamente, favorece o mantemento das traballadoras nais no mercado de traballo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se regulan as axudas económicas para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo para o coidado do seus fillos ou fillas, que está dotada con 363.747 euros e ten como obxectivo promover á conciliación da vida familiar e laboral e fomentar a corresponsabilidade entre homes e mulleres.

Poderán beneficiarse destas axudas aqueles homes que sexan traballadores por conta allea, e as familias monoparentais nas que a persoa solicitante, home o muller, sexa traballador por conta allea,  e que entre o 1 de setembro de 2010 e o 30 de abril de 2011 se acolleran a unha redución da súa xornada laboral para dedicarse ao coidado dos seus fillos ou fillas menores de 3 anos, ou ben, aínda superándose esa idade, cando o/a menor padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33% e sexa menor de 12 anos.

O importe destas axudas, que poderán solicitarse dende mañá xoves ata o próximo 11 de xunio, ascende a  363.747 euros. Realizaranse nun pagamento único que estará en función da porcentaxe de redución da xornada laboral que se solicite e da duración desta, que será como máximo de 8 meses e como mínimo de 60 días.

O obxectivo destas axudas ten a dobre vontade de apoiar a asunción de responsabilidades familiares por parte dos varóns e de axudar á desaparición dos estereotipos sociais sobre a suposta maior capacidade das mulleres á hora de atender as responsabilidades de carácter familiar, xa que o mantemento desta crenza ten efectos negativos na empregabilidade e na promoción profesional das mulleres, que son as que maioritariamente seguen acolléndose ás medidas de conciliación ofertadas polas diferentes administracións públicas.

Por todo elo, a Secretaría Xeral da Igualdade quere apoiar economicamente a aqueles traballadores que reduzan a súa xornada laboral por razón da atención dos seus fillos e fillas, entendendo que se trata dunha medida que, indirectamente, favorece tamén o mantemento das traballadoras nais no mercado de traballo.

Colectivo: