Igualdade convoca as axudas de pagamento único e as do fondo galego de garantía para mulleres vítimas de violencia

As axudas da lei estatal teñen un orzamento de 175.000 euros e están destinadas a mulleres vítimas de violencia de xénero que se sitúen nun determinado nivel de rendas e sobre as que se presuma que, pola súa idade, falta de preparación e circunstancias sociais, teñen especiais dificultades para obter un emprego. As axudas da lei galega teñen en 2010 un orzamento de 60.000 euros e poderán solicitalas as mulleres que teñan dereito a unha indemnización por sentenza xudicial e non a recibiran porque o maltratador alegou insolvencia.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras da convocatorias de axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero establecidas na lei estatal e na autonómica para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Esta convocatoria inclúe dous tipos de axudas diferentes. Por un lado as establecidas no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, que teñen como finalidade proporcionarlle apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero, cun orzamento de 175.000 euros

Por outro lado, a convocatoria tamén inclúe as axudas establecidas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que teñen como finalidade facer valer o dereito recoñecido por sentenza xudicial ditada por xulgados e tribunais en Galicia. Éstas teñen un orzamento de 60.000 euros.

As axudas da lei estatal

A lei orgánica 1/2004, no seu artigo 27, establece o dereito a unha axuda económica para aquelas mulleres vítimas de violencia de xénero que se sitúen nun determinado nivel de rendas e sobre as que se presuma que, pola súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais, teñen especiais dificultades para obter un emprego. Trátase dun dereito subxectivo, mediante o que se pretende facilitar a súa integración social.

Esta axuda ten un orzamento para este ano 2010 de 175.000 euros. Está dirixida ás mulleres vítimas de violencia de xénero residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan especiais dificultades para obter un emprego e carezan de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 por cento do salario mínimo interprofesional.

O importe desta axuda se realizará nun único pagamento e será, con carácter xeral, equivalente a seis meses de subsidio por desemprego, e poderá ser incrementado ata equivaler a doce, dezaoito ou vinte e catro meses de subsidio, segundo os casos. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 30 de novembro de 2010.

As axudas da lei galega

O Fondo Galego de Garantía de Indemnizacións regulado no artigo 43 da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, establece que a Xunta de Galicia concederá indemnizacións a favor das mulleres que sofren violencia de xénero e/ou dos menores ou persoas dependentes afectadas que residan en Galicia e que non poidan percibir as indemnizacións que lles correspondan polos danos e perdas causados e que resultaran fixadas mediante sentenza xudicial ditada polos xulgados e tribunais con sede no territorio galego.

Estas axudas teñen en 2010 un orzamento de 60.000 euros e poderán solicitalas as mulleres que teñan dereito á percepción dunha indemnización por danos e prexuízos derivados dunha situación de violencia de xénero recoñecida nunha resolución xudicial firme, exista constatación xudicial do incumprimento do deber de satisfacela por insolvencia do obrigado ao pagamento e, como consecuencia, se produza unha situación de precariedade económica.

A contía da indemnización a aboar será a fixada pola resolución xudicial correspondente que quede pendente de pagamento trala declaración de insolvencia do obrigado e, como máximo, será de 6.000 € por cada persoa beneficiaria. As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de outubro de 2010.

 

Contido: