Igualdade asina un protocolo para a creación de tres novos Centros de Información á Muller nos concellos de Tui, A Cañiza e Monterrei

Os tres novos CIM sumaranse á actual rede de 78 centros cos que conta Galicia, aínda que éstes, ao seren creados no marco do proxecto europeo CEDIM, serán utilizados de forma compartida pola poboación raiana, superando así a fractura da fronteira galaico portuguesa. O proxecto CEDIM xurdiu da necesidade de dotar ás zonas transfronteirizas de mellores recursos en materia de igualdade, e facelo de forma coordinada para aproveitar sinerxías que poderán mellorar considerablemente a situación das mulleres, especialmente no que se refire á súa formación e ao emprego.

  • Igualdade asina un protocolo para a creación de tres novos Centros de Información á Muller nos concellos de Tui, A Cañiza e Monterrei
  • Igualdade asina un protocolo para a creación de tres novos Centros de Información á Muller nos concellos de Tui, A Cañiza e Monterrei

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2011. - A Secretaría Xeral da Igualdade asinou hoxe cos concellos pontevedreses de Tui e A Cañiza, e o ourensá de Monterrei, o protocolo de colaboración para a creación de tres Centros de Información ás Mulleres (CIM), que se desenvolveran no eido do proxecto europeo de Centros de Dinamización Integral para as Mulleres na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal (CEDIM), que ten como obxectivo crear unha rede de centros e servizos de atención as mulleres compartidos.

Na sinatura do protocolo estiveron presentes a secretaria xeral da Igualdade, Marta González; o alcalde de Tui, Antonio Feliciano Fernández; o da Cañiza, César Mera Rodríguez; e o do Concello de Monterrei, José Luis Suárez.

A sinatura deste protocolo supón o compromiso de crear un CIM en cada un destes concellos, que se sumarán á actual rede de 78 centros de información ás mulleres cos que xa conta a nosa comunidade autónoma. Sen embargo, estes CIM ao ser creados no marco do proxecto europeo CEDIM, serán utilizados de forma compartida pola poboación feminina de ambos lados da fronteira, superando así a fractura da fronteira galaico portuguesa.

Os concellos de Tui, A Cañiza e Monterrei, así como a Secretaría Xeral da Igualdade, comprométense a promover e mellorar a eficacia de redes estables de cooperación transfronteiriza de ámbito municipal mediante a apertura destes CIM, facilitadores de actividades de información, formación e orientación, dotándoos de todo o necesario para o seu funcionamento, ademais de impulsar actividades de valor compartido, favorecendo o intercambio transfronteirizo entre colectivos e profesionais.

O proxecto CEDIM ten por finalidade promover e mellorar a eficacia de redes estables de cooperación transfronteiriza de ámbito municipal, a través da creación de centros de información ás mulleres que presten servizos de información, formación e orientación aos colectivos raianos, baixo a fórmula de utilización compartida de equipamentos e servizos, e para iso é preciso articular infraestruturas adecuadas que faciliten o acceso aos mesmos da poboación feminina.

Cooperación transfronteriza na atención as mulleres

O primeiro paso para avanzar neste proxecto deuse o pasado15 de febreiro en Porto, coa sinatura do acordo de cooperación para a posta en marcha do mesmo, entre a secretaria xeral da Igualdade, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mª del Mar Pereira, a xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Covadonga Toca, e a presidenta da Comissâo para a Cidadanía e a Igualdade de Género de Portugal, Teresa Fragoso.

O proxecto europeo CEDIM pretende mellorar as condicións de vida das mulleres que residen na zona transfronteriza entre Galicia e Portugal, dotándoas de formación, información, apoios e recursos, baixo a fórmula da utilización compartida de equipamentos e servizos, e para iso é preciso articular infraestruturas adecuadas que faciliten o acceso aos mesmos da poboación feminina.

Entre esas infraestruturas está a creación de catro novos Centros de Información as Mulleres (CIM), tres en Galicia (Tui, A Cañiza e Monterrei) e un en Portugal (Vila Verde), que realizarán actividades de información, formación e orientación ás mulleres. Coa sinatura do protocolo de hoxe, deuse o primeiro paso para a creación dos CIM na Comunidade Autónoma Galega.

Optimización de recursos

Este proxecto tamén prevé o establecemento dunha rede de centros compartidos, a creación da figura de “dinamizadora de centros compartidos” e a organización de diferentes seminarios de formación e intercambio de experiencias dirixidos a usuarias do proxecto e a profesionais que traballen nos CIM.

Antes, realizarase un estudo para coñecer as necesidades técnicas e persoais dos servizos existentes, para mellorar as sinerxías da cooperación e da xestión conxunta para a integración socioeconómica e institucional.

O proxecto tamén realizará a identificación e difusión do mapa de recursos transfronteirizos para a promoción da igualdade, e porá en marcha unha plataforma web para a rede de CIMs, na que se promoverá a incorporación laboral das mulleres a través da habilitación dun mecanismo que facilite o teletraballo e a optimización das oportunidades existentes no mercado laboral transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal.

A idea deste proxecto xurdiu da necesidade de dotar á área de intervención do proxecto de mellores recursos en materia de igualdade, e facelo de forma coordinada para aproveitar sinerxía que poderán mellorar considerablemente a situación das mulleres, especialmente no que se refire á súa formación e ao emprego.