Igualdade aposta pola formación en novas tecnoloxías para diminuír a fenda dixital entre homes e mulleres e favorecer a empregabilidade feminina

López Abella visitou hoxe na EGAP ás alumas do Obradoiro de formación en materia de sociedade da información, organizado xunto ao Instituto da Muller

  • López Abella visitou hoxe na EGAP ás alumas do Obradoiro de formación en materia de sociedade da información, organizado xunto ao Instituto da Muller  Autor: Conchi Paz
  • López Abella visitou hoxe na EGAP ás alumas do Obradoiro de formación en materia de sociedade da información, organizado xunto ao Instituto da Muller  Autor: Conchi Paz
  • López Abella visitou hoxe na EGAP ás alumas do Obradoiro de formación en materia de sociedade da información, organizado xunto ao Instituto da Muller  Autor: Conchi Paz

Santiago, 22 de setembro de 2014. A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Santiago ás alumas do Obradoiro de formación en materia de sociedade da información, unha materia pola que está a apostar o Goberno galego para diminuír a fenda dixital e evitar unha posible desvantaxe das mulleres fronte ao homes á hora de acceder ao mercado laboral.

A actividade está organizada polo Instituto da Muller do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e o departamento de Igualdade galego; en colaboración coa EGAP, onde se impartirán as clases. Conta con 20 alumnas, todas elas mulleres profesionais en situación de desemprego con estudos -diplomatura, licenciatura ou FPII- e coñecementos de informática a nivel de usuaria. A súa duración será de 40 horas ao longo desta semana.

O obxectivo deste obradoiro de formación é que as asistentes adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da Información e Xénero que favorecerán o seu desenvolvemento persoal, capacidade de emprendemento e empregabilidade.

Ao longo do curso reflexionarase de forma teórica e práctica sobre as principais cuestións de xénero relacionadas coa Sociedade da Información, o emprego, e o desenvolvemento persoal e profesional das mulleres; as potencialidades da Sociedade da Información para o empoderamento, desenvolvemento persoal, profesionalización e empregabilidade; e os usos profesionais e sociais das Redes e web 2.0.

Na súa visita, a secretaria xeral avogou por facilitar unha maior e mellor participación das mulleres no entorno dixital, xa que as novas tecnoloxías “constitúen un nicho de emprego estratéxico do que non poden quedar á marxe as mulleres” e por iso é necesario reforzar as súas competencias en relación cos requirimentos do mercado laboral e profesional ao longo da vida activa no traballo.

Con ese obxectivo, López Abella lembrou que o VI Plan de igualdade do Goberno galego realiza unha aposta firme polo emprego de base tecnolóxica, para incentivar a creación de empresas lideradas por mulleres no sector das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), implantar a perspectiva de xénero na súa formulación e visibilizar as experiencias xa existentes neste eido.