- Galego
- Castellano
A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, reuniuse cos responsables do Colexio Oficial de Diplomados de Traballo Social de Galicia, da ONG Save the Children, e do Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (IGAXES-3), para coñecer de primeira man os proxectos que realizan na atención aos fillos e fillas da mulleres vítimas de violencia de xénero, xa que eses nenos e nenas tamén son vítimas de violencia no ámbito familiar.
Os efectos que a violencia de xénero ten na infancia é unha das prioridades da Secretaría Xeral da Igualdade, por iso, Marta González mostrouse, neste encontro, moi interesada en colaborar na realización dunhas xornadas para analizar a atención que debe prestarse aos fillos e fillas das mulleres vítimas de violencia de xénero no sistema de protección da muller.
O obxectivo e tratar de maneira directa as repercusións da violencia de xénero nos e nas menores, e de forma indirecta a transmisión de actitudes violentas a través de estereotipos e valores.
Outra das propostas que as entidades presentaron á secretaria xeral da Igualdade foi a publicación dun manual de atención a nenos e nenas vítimas de violencia de xénero no ámbito familiar, dirixido a formación específica dos e das profesionais que traballan na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e ás institucións públicas competentes na materia, para que poidan dar unha boa atención aos menores.
Técnicas para realizar unha primeira valoración
O fin último deste proxecto é visibilizar aos fillos e fillas das mulleres vítimas como vítimas directas da mesma violencia, dotar ás e aos profesionais dun coñecemento específico sobre os dereitos dos nenos e nenas, seu desenvolvemento evolutivo e as súas necesidades, de técnicas para facilitar a participación dos nenos e nenas no proceso de intervención, e tamén dotalos de técnicas para realizar unha primeira valoración do estado e necesidades deses nenos e nenas.
Na convocatoria de subvención de estudos e congresos a celebrar no ano 2010, este tema será prioridade á hora de recibir unha subvención pola importancia que ten o coñecemento do impacto que ten a violencia de xénero nos fillos e fillas da parella e as mellores prácticas existentes na recuperación psicolóxica dos menores e das menores.