Gonzalo Trenor visita a exposición 'Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas' no hall da delegación da xunta na Coruña

Na mostra destaca de maneira visual e didáctica, diversos aspectos da traxectoria destas escritoras comprometidas coa modernización política, social e cultural de Galicia

Multimedia

Gonzalo Trenor visita a exposición 'Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas' no hall da delegación da xunta na Coruña
A Coruña, 01 de outubro de 2021.-
 
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, , visitou esta mañá a exposición organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade, Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas, no hall da delegación territorial da Xunta na Coruña. A exposición estará aberta ata o 1 de novembro para os usuarios do edificio da delegación.
 
Trenor destacou que “con esta exposición itinerante a Xunta de Galicia fai un recoñecemento ás precursoras galegas da comunicación. Xornalistas e escritoras que foron mulleres comprometidas que contribuíron irremediablemente á modernización política, social e cultural de Galicia”.
 
O delegado da Xunta na Coruña lembrou, na visita, que a profesión xornalística galega contou xa nos seus inicios con mulleres que foron fundamentais nesta profesión. “O esforzo tenaz destas pioneiras da comunicación levounas a superar discriminacións e a romper cos esquemas impostos”, incidiu.
 
Sobre a mostra sinalou que “esta mirada histórica recoñece a loita pola igualdade de xénero de mulleres como Emilia Pardo Bazan, que escribiu mais de dous mil artigos de prensa e como María Luz Morales pioneira coruñesa que nos anos 20 do século pasado escribía no diario La Vanguardia baixo o seudónimo de Felipe Centeno e que se acabaría convertindo na primeira muller en dirixir un xornal. Tamén pon en valor as críticas literarias como Concha Castroviejo ou correspondentes de guerra como Sofia Casanova, entre outras.
 
“Esta exposición repasa a vida e obra de doce xornalistas, escritoras, comunicadoras, doce mulleres exemplo de compromiso, de tenacidade, que empregando a forza da palabra contribuiron, sen dúbida, á loita pola igualdade de xénero”, recalcou o delegado da Xunta.
 
Na colección móstranse, de maneira visual e didáctica, diversos aspectos da traxectoria destas escritoras, que veu marcada, en practicamente a totalidade dos casos, polo inconformismo, a rebeldía contra a discriminación, a excelencia creadora e a loita pola igualdade.