Galicia solicita que se modifique a Lei estatal para ampliar o concepto de violencia de xénero a todos os tipos de violencia contra a muller

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Madrid na Conferencia Sectorial de Igualdade na que se acordou co consenso de todas as comunidades e, a petición de Galicia, a creación dun grupo de traballo para dar continuidade ao Pacto de Estado

López Abella indicou que a loita contra a violencia de xénero é prioritaria para a Xunta e, por iso, incrementou este ano o orzamento nun 22%, ata os case 18 millóns de euros

Galicia puxo en marcha o pasado ano dúas novas iniciativas a través do Pacto de Estado: as axudas ás entidades sen ánimo de lucro para impulsar a contratación das vítimas de violencia machista e os apoios á mobilidade xeográfica

Multimedia

Galicia solicita que se modifique a Lei estatal para ampliar o concepto de violencia de xénero a todos os tipos de violencia contra a muller
Madrid, 31 de marzo de 2022.-
 
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Madrid na Conferencia Sectorial de Igualdade na que solicitou que se modifique a Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, para incorporar todos os tipos de violencia contra as mulleres, en liña co que xa recollen o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Convenio de Estambul sobre prevención e loita contra a violencia ás mulleres.
 
Na actualidade a lei estatal só recoñece como violencia de xénero aquela na que existe ou existiu nalgún momento unha relación afectiva ou de parella entre o agresor e a vítima. Galicia, cuxa lexislación para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero (lei 11/2007, de 27 de xullo) xa incorpora un elenco máis extenso de supostos, considera que casos como o último crime cometido en Galicia, onde unha muller foi presuntamente asasinada por un acosador, deben ser recoñecidos como violencia de xénero pola lexislación estatal, garantindo así unha atención integral a todas as vítimas da violencia contra as mulleres.
 
Para o Goberno galego, o nivel de tolerancia ante os ataques e actos de violencia que sofren as mulleres debe ser cero e non resultan admisibles retrocesos no que se refire á protección dos seus dereitos. A Xunta traballa por unha Galicia inclusiva, igualitaria, respectuosa, xusta e democrática e, por iso, solicitou este cambio normativo.
 
Galicia sitúase na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller en todos os eidos, ao permitir visibilizar novas desigualdades e avanzar para erradicalas. A nova Lei galega de Igualdade, que na actualidade está en tramitación, impulsará, entre outros, a protección das mulleres fronte a ataques sexistas a través de medios tecnolóxicos; promoverá programas municipais para crear espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual; ou recoñecerá a discriminación múltiple da muller por discapacidade, etnia, idade, pobreza ou inmigración, entre outros.
 
É preciso lembrar, ademais, que Galicia foi pioneira en modificar a Lei para incluír a violencia vicaria de pais a fillos como violencia de xénero.
 

Continuidade ao Pacto de Estado

Doutra banda, na xuntanza celebrada hoxe acordouse por unanimidade e, a petición de Galicia, a creación dun grupo de traballo para dar continuidade ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Galicia na última conferencia sectorial, celebrada o pasado mes de febreiro, amosouse preocupada pola continuidade dos fondos asociados ao Pacto de Estado, xa que remata este ano e o Goberno Central entón non tiña confirmado a súa continuidade. Así, naquela reunión, e, a petición de Galicia, acordouse avanzar na renovación deste Pacto e na xuntanza de hoxe abordouse o inicio dos traballos para a ampliación, mellora e renovación dos acordos e instrumentos orzamentarios e administrativos deste Pacto e a continuidade dos proxectos vinculados.

Para o Goberno galego, o Pacto de Estado contra a violencia de xénero é un instrumento eficaz para coordinar as políticas para loitar contra esta lacra social. É un eixo prioritario para a Administración autonómica galega e, por iso, incrementou este ano o orzamento nun 22% ata os case 18 millóns de euros.

Galicia, a través do Pacto do Estado, está a xestionar 40 millóns de euros que se repartiron en cinco anualidades (2018-2022). Para este ano conta con preto de oito millóns de euros para seguir desenvolvendo as medidas previstas. En 2021, a través destes fondos, puxéronse en marcha dúas novas actuacións: o programa para impulsar a contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero por entidades sen ánimo de lucro e os incentivos á mobilidade xeográfica para as vítimas. Son dúas iniciativas que se circunscriben no apoio do Goberno da Xunta a que as vítimas acaden unha independencia económica, xa que o considera clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan unha maior estabilidade persoal, social e laboral e a porta que lles vai permitir saír do círculo da violencia e lograr esa independencia económica e persoal necesaria para rachar o vínculo co seu agresor e lograr a súa plena recuperación.

Galicia, ademais, é pioneira, no marco do Pacto, no apoio integral a menores que quedaron orfos por mor dos actos de violencia machista, dá cobertura económica e social ás vítimas gravemente feridas, organiza quendas de garda para a atención psicolóxica e social e incorporou traballadores sociais ás sete oficinas de atención ás vítimas en xulgados.

Entre as medidas incluídas no Pacto atópanse tamén accións para a sensibilización e prevención da violencia, a coordinación na resposta institucional ás vítimas -con especial vixilancia para os seus descendentes menores de idade-, configuración de estatísticas ou visibilidade doutras formas de violencia que poden afectar ás mulleres.