A conselleira de Emprego e Igualdade compareceu na comisión especial do Senado para o seguimento e avaliación das estratexias contra a violencia de xénero

Galicia foi pioneira en España na posta en marcha de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

María Jesús Lorenzana destacou que a Xunta cumpriu o 100% das medidas recollidas no Plan de actuación para a implantación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en 2019

En concreto, salientou as medidas de apoio directo ás vítimas e as centradas na educación, sanidade, cultura, turismo, medio rural, vivenda, deporte e xustiza, con todos os organismos e axentes implicados

Así mesmo, apuntou que o Goberno galego concedeu no primeiro semestre deste ano axudas económicas a 505 mulleres vítimas de violencia machista, e que o teléfono de información á muller recibiu máis de 1.800 consultas

Multimedia

Galicia foi pioneira en España na posta en marcha de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Madrid, 16 de setembro de 2020.-

Galicia foi pioneira, dentro de España, na posta marcha de medidas contra a violencia de xénero. Ademais, na nosa comunidade executouse xa o 100% das medidas do Plan de actuación para a implantación das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero no ano 2019. Así o destacou hoxe a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na súa comparecencia na comisión especial do Senado para o seguimento e avaliación destas políticas desde unha perspectiva territorial.

A conselleira explicou que a estratexia da Xunta nesta materia se baseou nun enfoque transversal das actuacións, implicando a todos os departamentos. Entre as medidas postas en marcha, María Jesús Lorenzana salientou as de apoio directo ás vítimas, as centradas nos eidos educativo e sanitario, no mundo da cultura, no deporte e as relativas aos colectivos máis vulnerables. Así, en relación co apoio directo ás vítimas, levouse a cabo unha asistencia integral aos menores orfos por violencia machista e realizouse un apoio económico e social ás vítimas gravemente feridas. Tamén se levaron a cabo quendas de garda psicolóxica e social, un reforzo da atención psicolóxica aos menores vítimas ou o incremento dos recursos de acollida e das axudas ao alugueiro de vivendas.

Ámbito educativo

Con respecto ás actuacións no ámbito educativo, a conselleira mencionou os plans de igualdade e prevención da violencia de xénero en centros de educación infantil, primaria e secundaria. Tamén, as accións formativas dirixidas ao profesorado, así como a edición de materiais informativos para nais e pais para previr e detectar estes problemas dende a infancia. No eido sanitario, María Jesús Lorenzana sinalou que tamén se deu formación especializada en violencia de xénero ás persoas profesionais sanitarias, a través dos colexios oficiais de medicina, enfermería, farmacia, traballo social e psicoloxía.

Precisamente, neste mesmo terreo da formación, a conselleira indicou que se facilitou tamén, con carácter específico, docencia a profesionais da avogacía, das Forzas e Corpos de seguridade do Estado, a persoal das administracións públicas e ao voluntariado.

No que atinxe ao ámbito da cultura, Lorenzana lembrou as actividades de prevención e sensibilización nas bibliotecas públicas ou as campañas contra a violencia sexual en festas declaradas de interese turístico galego, nacional e internacional. En relación aos colectivos máis vulnerables, elaborouse un informe sobre mulleres sen fogar e sobre o impacto nelas da violencia de xénero e realizáronse campañas específicas para a prevención da violencia machista no ámbito rural, segundo afirmou a conselleira. A maiores, no ámbito deportivo, segundo explicou, fixéronse accións específicas de sensibilización nas competicións organizadas polas diferentes federacións galegas.

Período de confinamento pola covid-19

María Jesús Lorenzana tamén informou das actuacións levadas a cabo pola Xunta durante o período de confinamento e o estado de alarma a causa da covid-19. Neste sentido, sinalou o mantemento da operatividade de servizos a disposición das vítimas -tales como teléfono de atención á muller, asesoramento xurídico online, apoio psicolóxico ou servizos de carácter administrativo-, o reforzo da rede de centros de acollida ou a ampliación do bono de alugueiro social. Todo isto apoiouse, remarcou, nunha campaña institucional para facer accesible a información sobre estes recursos e servizos.

Canto ao balance de actuacións realizadas, a conselleira indicou, entre outras cousas, que a Xunta concedeu durante o primeiro semestre deste ano axudas económicas a 505 mulleres vítimas de violencia machista, o que supón un aumento do 27,5% respecto ao período anterior. Ademais, o teléfono de información á muller recibiu máis de 1.800 consultas (un 35% de incremento sobre o ano pasado) e nas casas de acollida aloxáronse sucesiva e temporalmente 142 persoas (78 mulleres e 64 menores).

María Jesús Lorenzana rematou a súa intervención cunha mensaxe clara e rotunda, insistindo en que a erradicación da violencia de xénero “é unha tarefa na que non podemos permitirnos retroceder, xa que o Pacto de Estado naceu coa necesidade de acadar acordos e só se conseguirán avances se hai un compromiso de todos os sectores para poñer na axenda, como un asunto prioritario, a loita contra todas as formas de violencia contra as mulleres”, concluíu.