Galicia dá novos pasos cara unha nova Lei de Igualdade baseada na loita contra a discriminación e os ataques sexistas e na plena igualdade laboral

Feijóo avanza que este mes se iniciará a consulta pública previa para que a sociedade poida facer as súas achegas para enriquecer a futura normativa

Multimedia

Galicia dá novos pasos cara unha nova Lei de Igualdade baseada na loita contra a discriminación e os ataques sexistas e na plena igualdade laboral
Ourense, 3 de marzo de 2022.-
 
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe, en rolda de prensa, que Galicia dá novos pasos cara a unha nova Lei de igualdade baseada na loita contra a discriminación e os ataques sexistas e na plena igualdade laboral.
 
Logo de avanzar que este este mes se iniciará a consulta pública previa para que a sociedade poida facer as súas achegas para enriquecer a futura normativa, Feijóo aseverou que “o obxectivo desta lei é loitar contra a violencia e discriminación das mulleres en todos os eidos da súa vida así como visibilizar as novas desigualdades que xorden e tentar erradicalas”.
 
Nesa liña, “reforzaremos a protección das mulleres e nenas contra os ataques sexistas e a súa difusión a través das redes ou medios tecnolóxicos”, dixo, facendo fincapé na necesidade de evitar que se repitan situacións como a vivida hai uns anos nas festas da Maruxaina.
 
A maiores, promoveremos programas municipais para crear espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual a través de sendas peonís seguras, sinalización clara ou paradas a demanda no transporte urbano. E, tamén, fomentaremos a defensa e visibilización das mulleres que sofren discriminación múltiple por diversos motivos como discapacidade, etnia, pobreza, idade, etc.
 
No eido laboral, a normativa introducirá a idea do benestar laboral nas empresas, vencellada a políticas de conciliación e teletraballo. “Seremos a primeira comunidade en recoller nunha lei os requisitos mínimos de formación en igualdade laboral”, incidiu Feijóo, que engadiu que seguirá o fomento do emprego feminino por conta allea con axudas para a contratación e para a promoción profesional.
 
Ademais, a nova lei incluirá un estatuto das mulleres rurais e do mar co compromiso de defender as súas necesidades nas políticas de emprego autonómicas e unha relación de dereitos e medidas para fomentar o seu asociacionismo.
 
Tema: