O presidente do Goberno galego participou esta tarde na entrega do Premio María Josefa Wonenburger

Feijóo resalta un investimento de máis de 34 millóns en 2022 para impulsar o emprendemento feminino e a inserción laboral e seguir avanzando cara á igualdade real

Reitera o compromiso da Xunta para acabar coa fenda de xénero no sector científico e tecnolóxico e avanza que o Goberno galego está xa a traballar no deseño do III Programa muller e ciencia en Galicia 2023-2025

Destaca a traxectoria da galardoada e incide en que o traballo e os logros de todas as premiadas serven como referente para as novas xeracións 

Multimedia

Feijóo resalta un investimento de máis de 34 millóns en 2022 para impulsar o emprendemento feminino e a inserción laboral e seguir avanzando cara á igualdade real
Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2021.-
 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe un investimento de máis de 34 millóns de euros en 2022 para impulsar o emprendemento feminino e a inserción laboral e seguir avanzando cara á igualdade real.
 
Unha achega que, segundo precisou, inclúe o Plan emprega muller -34,3M€-, centrado na formación para impulsar a inserción laboral das mulleres, no que se insire o Programa Emega que, cun orzamento de máis de 4 millóns de euros, aposta polo emprendemento feminino, especialmente no ámbito tecnolóxico.
 
Nesta mesma liña, recordou tamén a modificación o pasado mes de xullo da normativa para garantir a igualdade real entre homes e mulleres no ámbito universitario e da investigación, entre cuxas novidades está, por exemplo, acabar coa histórica discriminación que sufrían as investigadoras á hora de optar a unha praza pública polos períodos de non produción científica, por baixas por maternidade ou embarazo.
 
Durante a entrega do Premio María Josefa Wonenburger, Feijóo reiterou o compromiso da Administración autonómica para acabar coa fenda de xénero no sector científico e tecnolóxico. Non en van, recordou que máis da metade dos alumnos que escollen o Bacharelato científico seguen a ser varóns; “e eles tamén son maioría no eido do I+D a nivel empresarial”, engadiu, subliñando que apenas o 7% das patentes solicitadas en 2019 foron pedidas por mulleres.
 
Con este fin, confirmou que o Goberno galego está xa a traballar no deseño do III Programa muller e ciencia en Galicia 2023-2025; un proxecto que parte do organismo Unidade de Muller e Ciencia, que leva desde a súa creación desenvolvendo iniciativas no eido educativo encamiñadas á formación dos docentes, co fin de impulsar a presenza feminina nas carreiras tecnolóxicas. Así, cómpre salientar que a última edición do Programa chegou a 10.000 persoas e facilitou que 524 mulleres se incorporasen ao ámbito investigador e outras 20 foran promocionadas a postos de dirección.
 
O titular da Xunta concluíu destacando a traxectoria da galardoada co Premio María Josefa Wonenburger: a catedrática de Medicina Legal e directora do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago, Victoria Lareu. E incidiu en que o traballo e os logros de todas as galardoadas con este premio serven como referente para as novas xeracións.
 
Tema: