Escolares de Vigo e Redondela participan en novas sesións de contacontos para promover a igualdade

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, celebrou cadansúas sesións de contacontos ilustrados en EEI San Pedro de Cesantes (Redondela) e lo CEIP Carrasqueira de Vigo

A actividade enmárcase no programa Donas de Si co que a Xunta promove o liderado feminino e a loita contra os estereotipos de xénero nos centros escolares e contribúe, ao mesmo tempo, a divulgar a memoria histórica feminina de Galicia

Multimedia

Escolares de Vigo e Redondela participan en novas sesións de contacontos para promover a igualdade
Vigo, 8 de abril de 2022.-
 
A Consellería de Emprego e Igualdade celebrou hoxe dúas novas sesións de contacontos ilustrados no centro de educación infantil San Pedro de Cesantes de Redondela, e no CEIP Plurilingüe de Carrasqueira de Vigo. A actividade, que promove os valores da igualdade desde as aulas e da a coñecer a figura de mulleres galegas referentes, enmárcase no programa Donas de si, no que toman parte estes centros.

Nas sesións de hoxe, as rapazas e rapaces de Redondela puideron aprender máis acerca da figura da actriz de teatro María Casares. No caso do CEIP Carrasqueira, a galega referente elixida foi Maruja Mallo.

A actividade diríxese a rapazas e rapaces de educación infantil e primaria, co obxectivo de que coñezan e recoñezan figuras de mulleres que tiveron un papel relevante no desenvolvemento da sociedade galega contemporánea para achegarse a súa contribución aos eidos da cultural, social, científico, artístico e político.

A iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade, insírese no programa Donas de si co que o Goberno galego traballa con 65 centros escolares no eido da igualdade. Ao se dirixir ao alumnado de menor idade, seleccionáronse 35 escolas que imparten estes ciclos para participar nesta primeira edición de contacontos ilustrados.

O programa Donas de si trata de favorecer a visibilización e potenciar o liderado das mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega. Utilízase a estas figuras como punto de partida para traballar na aula o concepto da igualdade e para eliminar estereotipos de xénero.

Ademais se contribúe a realizar unha aproximación a mulleres relevantes, con especial atención ás máis esquecidas, para divulgar a memoria histórica feminina de Galicia.

Parte da escolma de mulleres protagonistas dos contacontos sae da publicación Mulleres Galegas promovida pola Xunta e integrada por cinco biografías: a da mestra e pedagoga Ernestina Otero; a da oceanógrafa, Ángeles Alvariño; a da artista Maruja Mallo; a da editora María Victoria Moreno; e a da mestra e inventora, Ángela Ruiz Robles. Trátase de libros de pequeno formato nos que xa traballan os centros e que ademais da traxectoria vital das protagonistas inclúen actividades para traballar na aula, que están a dispor de todos os centros interesados na seguinte ligazón.