- Galego
- Castellano
Están enmarcados no programa EMEGA da Secretaría Xeral da Igualdade de apoio ao emprendemento feminino, dotado con 683.000 euros
A titular de Igualdade anuncia para o vindeiro ano novidades na convocatoria deste programa, vencelladas ao apoio á conciliación
Santiago, 27 de decembro de 2011.- O programa EMEGA da Secretaría Xeral da Igualdade está a producir un sólido impulso ao emprendemento feminino en Galicia, tal e como evidencian os 72 novos proxectos empresariais liderados por mulleres postos en marcha este ano ao abeiro das subvencións do citado programa, dotado con 683.000 euros, segundo informou esta mañá a titular de Igualdade, Susana López Abella, na súa comparecencia na Comisión 5ª do Parlamento.
En resposta á pregunta do Grupo Parlamentario Popular sobre o desenvolvemento do programa EMEGA, detallou que no seu conxunto, estas 72 iniciativas empresariais xeraron un total de 100 postos de traballo, 78 son por conta propia, 22 por conta allea, dos que un 73% son contratos indefinidos. Cada proxecto empresarial percibe unha axuda que pode chegar aos 18.000 euros, en función do número de postos de traballo creados.
A responsable de Igualdade destacou a maior sostenibilidade e resistencia á crise das empresas creadas por mulleres, ata tal punto que "duran un 30% máis que as creadas por homes e sobreviven mellor á crise". O crecemento do autoemprego e das iniciativas empresariais está sendo sostido nunha ampla porcentaxe por mulleres "que manteñen dun xeito máis constante a actividade emprendedora neste momento de crise e lideran a creación de negocios".
Co obxectivo de mellorar as condicións laborais, persoais e familiares das mulleres con vocación emprendedora, Susana López Abella anunciou hoxe que a convocatoria de axudas do programa EMEGA en 2012 estará vencellada ao apoio á conciliación.
Visita a Galicia de axentes de Brasil contra a trata de mulleres
Na súa comparecencia, tamén deu resposta á pregunta do Grupo Popular sobre a participación de Galicia no proxecto Itíneris. Sobre este asunto, anunciou a visita que efectuará a Galicia o vindeiro mes de maio unha delegación brasileira de axentes vencellados á loita contra a trata, como consecuencia do compromiso adoptados na recente xuntanza celebrada na cidade brasileira de Recife, na que participou a Secretaría Xeral da Igualdade.
Amais, no marco do Itíneris, a Xunta elaborará un informe destinado a coñecer en profundidade a realidade da trata de seres humanos en Galicia, con especial enfase na situación das mulleres brasileiras e, conxuntamente con Portugal, desenvolverase unha investigación sobre o acceso aos dereitos establecidos na lexislación vixentes das persoas brasileiras migrantes en ambos os dous países.
Itineris é un programa do que forman parte Galicia, Portugal e Brasil, promovido polo Centro Internacional para o Desenvolvemento de Políticas Migratorias (ICMPD en inglés) co obxectivo de establecer medidas e actuacións coordinadas entre os países participantes para protexer en orixe os dereitos das persoas inmigrantes, especialmente no ámbito da explotación e da trata, cunha liña de actuación complementaria entre os países de orixe e de destino.