Emilia Pardo Bazán, unha defensora dos dereitos das mulleres que naceu hai 159 anos

A escritora e precursora do movemento feminista en España, Emilia Pardo Bazán, naceu tal día coma hoxe hai 159 anos en A Coruña, cidade que sempre aparece nas súas novelas baixo o nome de "Marineda".

Esta filla única de don José Pardo Bazán e Mosquera e dona Amalia de la Rúa Figueroa e Somoza, recibiu unha educación esmerada e liberal. Dende os oito anos foi unha lectora infatigable, aos nove compuxo os seus primeiros versos e aos quince o seu primeiro conto.

Foi unha das mulleres españolas máis relevantes do século XIX, tanto pola súa prolífica labor literaria, con máis de 500 obras, como polo seu traballo na defensa dos dereitos das mulleres.

Emilia Pardo Bazán foi unha muller anticipada ao seu tempo que non pasou inadvertida. Aínda que resulta mais coñecida pola súa produción novelística e crítica literaria, moitos dos seus ensaios versan sobre cuestións feministas, a través dos que amosa unha continua loita polos dereitos das mulleres na sociedade española, sendo considerada por parte da crítica como a autora do primeiro texto moderno feminista en España.

Entre as ideas que defendía estaba a de que era un erro afirmar que o papel que lle corresponde á muller como nai determina as restantes funcións de súa vida. A súa maior crítica baseábase na premisa de que  a sociedade tiña proclamado os dereitos do home, pero non os da muller.

Para Pardo Bazán, o medio para elevar a posición das mulleres na sociedade española era a educación e argumenta que educar á muller española axudaría tamén ao desenvolvemento e progreso do país.

Un dos obstáculos que tivo que vencer foi o da discriminación da muller dentro do campo académico. De feito, a súa exclusión da Academia Real da la Lengua atribuiuse non á falta de méritos, senón á súa condición feminina.

A pesar das dificultades, Pardo Bazán chegou a ser a primeira muller en presidir a Sección de Literatura no Ateneo de Madrid, a primeira nomeada Conselleira de Instrución Pública e a primeira muller catedrática de Literatura Contemporánea de Linguas Neolatinas da Universidade Central de Madrid.