Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia 2021

Multimedia

Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia 2021

O día 11 de febreiro é o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia e foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2015 co obxecto de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas,  para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e as nenas neste ámbito da tecnoloxía.

É necesario seguir visualizando o traballo das nosas científicas, fomentar a vocación investigadora das nenas e eliminar os estereotipos de xénero na ciencia e na tecnoloxía (STEM).  O Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia  recordamos que as mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental na ciencia e na tecnoloxía e  que a súa participación debe fortalecerse. Con esta idea nace este proxecto. Queremos presentar científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo, que abriron camiños a moitas outras e que poden ser referentes para moitas nenas.

Este proxecto consta dunha serie de entrevistas a Mulleres Galegas que foron galardoas co premio María Josefa Wonenburger Planells que outorga anualmente dende o 2007 a Xunta de Galicia a través da Unidade de Muller e Ciencia.

Mabel Loza García. Premio María Josefa Wonenburger Planells 2019

É licenciada en Farmacia pola USC, realizou a súa tese doutoral na Facultade de Medicina de Oviedo e completou a súa formación científica no Centro Médico Monte Sinaí de Nova York. Na actualidade é Catedrática de Farmacoloxía da USC, onde compaxina o labor docente e investigador. Dirixe o grupo de investigación BioFarma centrado na aplicación da farmacoloxía ao descubrimento de fármacos.

Entrevista

Alicia Estévez Toranzo. Premio María Josefa Wonenburger Planells 2018

Doutora en Bioloxía e licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Desenvolveu parte da súa formación postdoutoral nas universidades de Maryland e Oregón. É catedrática do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC. Codirixe o grupo de investigación en Patoloxía de Animais Acuáticos, Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia. É membro da Real Academia Galega de Ciencias e da Academia de Farmacia de Galicia.

Entrevista

Begoña Vila Costas. Premio María Josefa Wonenburger Planells 2017

Licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa especialidade de Astrofísica pola Universidade de La Laguna (Tenerife).

Doutora en Astrofísica (1990) pola Universidade de Manchester (departamento de Radioastronomía de Jodrell Bank), completou a súa carreira posdoutoral no departamento de Física da Universidade de Cardiff.

En 2013 comezou a traballar directamente para a NASA, sendo enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard, encargada de dous dos instrumentos do telescopio espacial James Webb.

Entrevista

Peregrina Quintela Estévez. Premio María Josefa Wonenburger Planells 2016

Peregrina Quintela Estévez (Vigo, 1960) ten dedicado un importante esforzo á transferencia do coñecemento matemático á sociedade, especialmente á súa aplicación na industria e na empresa. Licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), con dous doutoramentos, na actualidade é catedrática do Departamento de Matemática Aplicada da USC.

A súa investigación en modelización matemática tense centrado especialmente en cuestións da termo-mecánica. Neste campo, participou en preto dun cento de proxectos competitivos de investigación ou contratos de transferencia coa industria de distintos sectores e con diferentes aplicacións prácticas, e liderou máis de corenta deles.

Entrevista