A delegada territorial da Xunta en Ferrol visita a exposición ArteNon contra a violencia de xénero con motivo da súa instalación no centro comercial Odeón

Multimedia

 A delegada territorial da Xunta en Ferrol visita a exposición ArteNon contra a violencia de xénero con motivo da súa instalación no centro comercial Odeón

Narón (A Coruña), 15 de marzo de 2023.-

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da xerente do centro comercial Odeón, Cristina Imaz, visitou esta mañá a exposición contra a violencia de xénero ArteNon con motivo do seu recente traslado ás instalacións comerciais. A mostra, que o pasado 1 de marzo se inauguraba na Delegación Territorial da Xunta, permanecerá no centro comercial naronés ata o próximo día 20.

A exposición ArteNon, promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, está composta por doce pezas gráficas materializadas na forma da palabra NON e acompañadas dunha referencia biográfica de cada unha das artistas xunto cunha sinopse da obra. As autoras das ilustracións son Andrea López, Candela Piñeiro, Alicia Suárez, Julia Gema, Eva Carballeira, Aurora Cascudo, Paula Cheshire, Paula Mayor, Abi Castillo, Idoa de Luxán, Lara Torres e Laura Tova.