Declaración institucional no Día Internacional das Mulleres e das Nenas na Ciencia

Multimedia

Declaración institucional no Día Internacional das Mulleres e das Nenas na Ciencia

A 81ª sesión plenaria da asemblea da Unesco, celebrada o 22 de decembro de 2015, aprobou a celebración deste día co obxectivo de promover a participación plena e en condicións de igualdade das mulleres e as nenas na educación, a capacitación, o emprego e os procesos de adopción de decisións na ciencia. Neste sentido, aposta por eliminar “toda forma de discriminación contra a muller, mesmo nas esferas da educación e o emprego (…) e promover o establecemento de políticas e plans de estudo no campo da ciencia, incluídos programas escolares, para alentar unha maior participación das mulleres e as nenas, promover as perspectivas de carreira de mulleres na ciencia e recoñecer os logros das mulleres neste ámbito”.

O Pleno da Unidade Muller e Ciencia, con motivo do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, realiza a seguinte declaración froito da unión e coordinación das diversas consellerías e personalidades expertas do mundo científico e tecnolóxico que están presentes, de cara á dar a coñecer á sociedade:

  • As mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental na ciencia e na tecnoloxía e a súa participación debe fortalecerse.
  • É necesario seguir visualizando e difundindo o traballo das nosas científicas e fomentar a vocación investigadora das nenas.
  • Imos continuar poñendo en valor o traballo das mulleres científicas, mostrándoas como referentes para as novas xeracións de mozas.
  • É preciso lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e as nenas no ámbito da tecnoloxía.
  • Imos continuar facendo fronte e loitando contra os prexuízos e os estereotipos de xénero na ciencia e na tecnoloxía que condicionan e limitan os estudos das nenas no seu futuro. O actual predominio das mulleres na Educación Superior segue marcado pola súa masiva presenza en determinadas ramas de coñecemento, especialmente nas Ciencias da Saúde, e a súa escasa presenza na rama máis técnica, enxeñerías e arquitectura. Esta diferenza na elección de ensinanzas condiciona e limita, en gran medida, a empregabilidade das mulleres no entorno produtivo actual, a súa carreira profesional e fai persistir diferenzas de ingresos e de rendas e fendas salariais.
  • Hai que seguir avanzando na incorporación efectiva dos criterios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación para conseguir un verdadeiro cambio de paradigma no mundo científico que permita acadar resultados tanxibles e duradeiros, aproveitando tanto o talento das mulleres como dos homes.

Polo que é necesario seguir traballando para dinamizar e transformar o sistema de ciencia e tecnoloxía galego, a través da integración da perspectiva de xénero como estratexia de avance nun modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades da poboación.

É prioritario incrementar a presenza das mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas.

Celebramos hoxe o Día Internacional das Mulleres e a Nena na Ciencia co compromiso de promover a participación plena e en condicións de igualdade das mulleres e as nenas na educación, o emprego e os procesos de adopción de decisións na ciencia, así como promover as perspectivas de carreira das mulleres na ciencia e recoñecer e visibilizar os logros das mulleres nesta disciplina.