Conde salienta que a Axenda 20 impulsa con novos apoios o emprego entre as mulleres traballadoras

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza coa presidenta da Asociación de Executivas de Galicia, Carla Reyes, e representantes dos colectivos de empresarias das catro provincias

Explicoulles que a nova planificación laboral da Xunta triplica as axudas para implantar medidas de conciliación, igualdade e RSE nas Pemes co obxectivo de seguir a reactivar o mercado laboral feminino

Conde destacou que se incentivarán ata 3.000 euros por traballador os contratos de teletraballo e adopción de medidas de flexibilidade e ata 2.500 euros por empresa para a elaboración e implantación de plans de igualdade

O titular de Economía anunciou para 2016 unha nova edición do programa Executivas a través do que se formaron xa 300 directivas e emprendedoras

A reunión enmárcase na rolda de contactos que está a manter o titular de Economía para informar sobre a estratexia da Xunta e escoitar as achegas dos principais colectivos sociais e económicos 

Santiago, 15 de abril de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Santiago unha xuntanza coa presidenta da Asociación de Executivas de Galicia, Carla Reyes, e representantes dos colectivos de empresarias das catro provincias galegas para informarlles sobre a Axenda 20 para o Emprego e escoitar as súas achegas.

Na reunión, que se enmarca na rolda de contactos que está a manter Conde cos principais axentes sociais e económicos da Comunidade para darlles a coñecer a nova planificación da Xunta en materia laboral, o titular de Economía explicou que un dos eixos principais desta folla de ruta é seguir a reactivar o emprego feminino resaltando, neste senso, que 2015 rematou con datos positivos en canto á ocupación feminina. O ano pasado incorporáronse ao mercado laboral un 2,8% máis de mulleres que o exercicio anterior.

Para impulsar o emprego entre as mulleres traballadoras, Conde apuntou que se triplica ata 600.000 euros a axuda para implantar nas Pemes medidas para a conciliación laboral, igualdade e Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

Deste xeito, sinalou que o Goberno galego concederá novos apoios que estimulen o teletraballo e a flexibilidade horaria laboral, resaltando que incentivará ata 3.000 euros por traballador a aquelas empresas con contratos nestes dous eidos por períodos non inferiores a un ano, e ata 2.500 euros por empresa a aquelas que elaboren e implanten plans de igualdade. Así mesmo, concederanse ata 1.500 euros por traballador ás firmas que realicen investimentos para a adquisición de elementos tecnolóxicos que fomenten o teletraballo e ata 2.500 euros por empresa para aquelas que queiran obter certificados de normas ou estándares de RSE.

O titular de Economía, ademais, anunciou para este ano unha nova convocatoria do programa Executivas a través do que xa se formaron en Galicia un total de 300 directivas, emprendedoras e profesionais. Así mesmo, indicou que a Xunta xa solicitou á Comisión para a Igualdade de Mulleres e Homes na Negociación Colectiva, adscrita ao Consello Galego de Relacións Laborais, negociar un Acordo Marco Interprofesional de Ámbito Autonómico que contribúa a impulsar a igualade laboral.

O conselleiro indicou, por último, que para a Xunta as mulleres son un colectivo prioritario nas políticas activas de emprego e, neste senso, lembrou que teñen prioridade en moitos programas, en especial, os de incentivos á contratación e autoemprego. O departamento autonómico destinou o ano pasado preto de 30 millóns de euros a axudas nestes dous ámbitos das que se beneficiaron máis de 3.200 mulleres.

Tema: