Campaña: Xoguetes para a igualdade. Xogamos iguais. Os xoguetes non teñen sexo

Multimedia

Campaña: Xoguetes para a igualdade. Xogamos iguais. Os xoguetes non teñen sexo

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2020.-

A secretaria Xeral da Igualdade  da Consellería de Emprego e Igualdade pon en marcha, un ano mais,  a campaña cara o nadal de XOGUETES PARA A IGUALDADE. XOGAMOS IGUAIS. OS XOGUETES NON TEÑEN SEXO.

A finalidade desta campaña é sensibilizar sobre o contido sexista e violento de moitos xogos e xoguetes e acabar coa segregación de nenos e nenas nos xogos derivada duns estereotipos de xénero que persisten na sociedade e que pouco a pouco lle transmitimos aos mais cativos e cativas.

Neste sentido é importante concienciar aos nenos e nenas que poden xogar indistintamente co mesmo xoguete, que non hai cores de nenos e de nenas. Temos que contribuír ó desenvolvemento de actitudes e comportamento de cooperación, respecto das diferencias e relacións de igualdade entre nenos e nenas. O xoguetes teñen que ser divertidos e seguros, que favorezan a participación e a emoción e sexan adecuados para a idade dos nenos e das nenas.

Esta actuación tamén dá cumprimento a unha das propostas incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que inclúe de xeito específico unha medida para fomentar xoguetes igualitarios

O material da campaña, carteis e marcapáxinas,  inclúe un decálogo cunha serie de consellos de utilidade á hora de escoller un xoguete. Así, entre outros aspectos, destácase a necesidade de non facer diferenzas á hora de escollelos, nin pensar que hai cores máis axeitados para un ou outro sexo.

Ademais, tamén se fai fincapé en que é positivo decantarse por produtos que fomenten relacións colaboradoras e favorezan a imaxinación, libre de prexuízos sexistas. Do mesmo xeito, recomenda optar por xoguetes, xogos ou libros nos que se nomee e estean presentes tanto nenas como nenos.

Pódese descargar todo o material nesta ligazón.

Decálogo dos xoguetes pola igualdade

1. Non hai xoguetes de nenas e nenos.

2. Non hai cores de nenas e nenos.

3. O xoguete non fomentará condutas ou comportamentos violentos e agresivos.

4. Intenta elixir xoguetes que reflictan a diversidade de cada persoa.

5. O xoguete será divertido e seguro, favorecerá a imaxinación e a creatividade, axeitado á idade e ós gustos das nenas e dos nenos e libre de prexuízos sexistas.

6. Procura que os xoguetes e xogos favorezan a igualdade na participación e o desenvolvemento de sentimentos e afectos sen diferenza de nenas e nenos.

7. Elixe xoguetes que xunten a nenas e nenos cooperando e compartindo espazos, tanto público como doméstico.

8. Regala xoguetes que estimulen a curiosidade e o interese por investigar, que axuden a promover todas as capacidades e habilidades persoais de nenas e nenos, posibilitando tanto os xogos tranquilos como os que fomenten a actividade física.

9. Escolle xoguetes, xogos, libros e películas nos que se nomee e estean presenten as nenas e os nenos, as mulleres e os homes, respectando as diferenzas, recoñecendo a diversidade e libres de estereotipos de xénero.

10. As nais e os pais supervisarán e serán partícipes dos xogos e lecturas das nenas e dos nenos.

Tema: