A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe as Comisións do Consello Galego das Mulleres, organismo posto en marcha o pasado ano
Santiago, 22 de xaneiro de 2015.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe o Pleno do Consello Galego das Mulleres, no que botaron a andar as comisións centradas na muller no rural, na diversidade funcional e unha terceira dedicada á situación sociolaboral das mulleres, englobándose nesta última a reorganización dos tempos de traballo e a conciliación de vida laboral.
López Abella destacou que o Consello Galego das Mulleres creouse coma un órgano colexiado e institucional de Galicia, con carácter consultivo, de participación e asesoramento en materia de igualdade, co cometido de actuar como interlocutor entre a Administración autonómica e ante calquera institución ou entidade de carácter publico ou privado, para o desenvolvemento de políticas encamiñadas á igualdade efectiva entre mulleres e homes.
O Consello creou o pasado 14 de xaneiro as tres comisións de traballo nas que centrara a súa actividade, que son a Comisión Diversidade Funcional, a Comisión Situación Sociolaboral da Muller e a Comisión da Muller Rural, para o estudo e análise de temas específicos, elaborar informes sobre a situación e perspectivas da igualdade, investigar a realidade das mulleres galegas, ademais de elevar propostas e iniciativas aos poderes públicos.
Así, a Comisión de situación sociolaboral será a encargada de potenciar a visibilidade da muller na realidade sociolaboral como parte esencial dunha sociedade integral e responsable, xa que a progresiva incorporación das mulleres ao mercado laboral é un dos principais cambios e o máis importante na estrutura do mercado laboral.
Loita contra a segregación
Segundo destacou López Abella, o elevado nivel de formación das mulleres e o seu interese por formar parte do mesmo, non foron suficientes para que a súa participación se fixera nas mesmas condicións que os homes, poñendo de manifesto unha serie de desigualdades e discriminacións, entre as que destacan a segregación vertical que fai que as mulleres se concentren nas categorías profesionais máis baixas, tendo serias dificultades para promocionarse, ou a segregación horizontal, pola que as mulleres adoitan a acceder a un tipo de ocupacións consideradas tradicionalmente femininas, fundamentalmente vinculadas o coidado e as tarefas do fogar.
Por outra banda, a Comisión da Muller Rural será a encargada de identificar novas oportunidades de valorización do medio rural e de potenciación da figura da muller rural, xa que segundo palabras da titular de Igualdade, Galicia ten rostro de muller rural, posto que o 63% das mulleres viven en zonas rurais. E o principal reto para un desenvolvemento sostible do medio rural é garantir a sustentabilidade social, ofrecendo alternativas que combatan a feble situación demográfica e mellorando a calidade de vida da poboación, a través da xeración de novas oportunidades económicas e sociais vinculadas as potencialidades da contorna rural. Esta sustentabilidade pasa por promover unha participación política, económica e sociocultural das mulleres do medio rural, así como medidas para eliminar as barreiras socioculturais que ata este momento dificultan o seu acceso.
E por último a Comisión da Diversidade Funcional terá entre as súas encomendas reflexionar, profundar e compartir coñecementos e experiencias, en definitiva traballar en prol da diversidade funcional das mulleres galegas., xa que as mulleres con diversidade funcional atópanse dobremente discriminadas pois ao feito de ser muller engádese a diversidade. As mulleres soportan con maior dureza que os homes con diversidade a persistencia de prexuízos, estereotipos e ideas xeralizadas en tódolos ámbitos que distorsionan a imaxe social e unha percepción normalizada das mesmas. Polo que compre eliminar as barreiras non só de accesibilidade física, senón tamén sociais e culturais que aínda persisten na sociedade actual.