As axudas para a contratación de mulleres vítimas da violencia de xénero en entidades sen ánimo de lucro poden solicitarse ata o 1 de agosto

Este programa de apoios impulsado por segundo ano consecutivo pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade permitiu incorporar o ano pasado 32 mulleres a 22 entidades beneficiarias

O Executivo galego quere axudar con esta medida a garantir condicións suficientes de independencia económica para vítimas de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2022.-

Entidades e cooperativas sen ánimo de lucro poden solicitar ata o próximo 1 de agosto as axudas convocadas o pasado 1 de xullo no Diario Oficial de Galicia  coas que a Xunta, por segundo ano consecutivo, incentiva que contraten a mulleres vítimas de violencia de xénero, para darlles unha oportunidade laboral que lles reporte ingresos e lles permita avanzar na súa recuperación.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste nesta liña de incentivos un total de 550.000 euros coa que pretende apoiar a independencia económica das vítimas.

A orde prevé apoios que van dos 15.940 aos 31.881 euros anuais por cada muller contratada a tempo completo, en función do grupo de cotización. A duración da relación laboral, como condición, debe ser polo menos de 4 meses. En canto a xornada de traballo, deberá ofertarse a tempo completo ou parcial, neste último caso nunca por baixo do 50%.

A Xunta inclúe como requisito que as entidades beneficiarias promovan a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas que deberán realizar as súas funcións en centros de traballo dentro da comunidade.

As destinatarias finais destes incentivos son vítimas da violencia de xénero, incluídas as afectadas por violencia vicaria, así como mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. Para poder optar aos contratos, deberán figurar inscritas como demandantes de emprego ou de mellora do mesmo no servizo público de emprego galego.

O ano pasado, a través desta convocatoria acadouse a incorporación laboral dun total de 32 traballadoras vítimas da violencia de xénero en 22 entidades beneficiarias.

A medida súmase aos apoios que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, destina aos concellos cada ano para a incorporación de vítimas da violencia de xénero con 1,4 millóns de euros para 2022. Un total de 32 concellos e 2 mancomunidades participarán este ano neste programa que acadará as 66 mulleres beneficiarias.