- Galego
- Castellano
A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, presentou hoxe aos representantes dos 77 concellos galegos con Centros de Información ás Mulleres (CIM) as novidades da convocatoria de axudas e subvencións para o ano 2010 destes centros, que este ano está dotada con 3.245.000 euros, 333.000 euros más que no ano anterior.
Esta convocatoria, que foi aprobada onte polo Consello da Xunta, conta para 2010 cun crédito de 3.245.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo nun 80%, o que supón 333.300 euros más que no ano 2009. Desta cantidade, 245.000 euros son para a formación de mulleres cara á mellora da empregabilidade.
A secretaria xeral da Igualdade indicou que "aínda que a situación económica é delicada, os CIM foron desde un primeiro momento unha prioridade para o goberno galego" unha vez que a actuación destes centros "supón o exercicio dunha das intervencións fundamentais para o cumprimento dun obxectivo prioritario das políticas públicas: a promoción da igualdade entre mulleres e homes", por isto, a área de Igualdade "dedica un importante esforzo á cooperación coas administracións locais, a través do financiamento destes 77 centros".
Os CIM, dixo Marta González, teñen a finalidade de garantir a prestación dun servizo de atención ás mulleres que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico, información sobre os recursos específicos existentes, así como o desenvolvemento de actividades formativas vinculadas á empregabilidade feminina e calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.
Este ano a convocatoria ten importantes novidades no que atinxe aos tipos concretos de axuda e á súa forma de xustificación, que reduce a burocracia, e que incidirán moi positivamente na flexibilización e na axilización do proceso de xestión.
De feito, sinalou a secretaria xeral da Igualdade, "a totalidade do financiamento destinado ao funcionamento dos CIMs vai dirixida a apoiar a actividade desenvolvida a través das profesionais que desempeñan a súa actividade profesional neles, incorporando ademáis dun novo perfil profesional que desenvolva funcións de animación sociocultural ou dinamización de igualdade, a través das correspondentes figuras profesionais, animador ou animadora sociolcultural e axente de igualdade".
A creación deste novo perfil profesional responde a necesidade actual de que os servizos especializados que se ofrecen dende os CIM se complementen con estratexias, recursos e técnicas de dinamización que fagan que o servizo sexa un verdadeiro servizo integral de atención e apoio ás mulleres, planificado no seu conxunto, que integre o traballo especializado e individualizado con tarefas de análise, sensibilización e actuacións colectivas na totalidade da poboación da súa área de influencia, e que a súa vez interrelacione, traballando en rede con outros centros.
Ademais, explicou a responsable de igualdade do goberno galego, a convocatoria deste ano establece un sistema de anticipos, que permite que, dentro do mes seguinte á notificación da concesión, "os concellos podan solicitar anticipos de ata o 80% da axuda", o que lles permitirá, como acontecía ata agora, non ter que adiantar os recursos económicos relativos ao mantemento dos CIM, e polo tanto, "dispoñer dos recursos cando realmente os precisan, máxime neste momento coxuntural no que se atopan nunha situación financieira delicada e reciben maior demanda de servizos".
Outra das novidades é que, ademais das axudas económicas para o mantemento dos centros de información ás mulleres, a convocatoria recolle unha liña de actuación específica dirixida a realización de proxectos formativos para mulleres. O crédito destinado a esta liña son 245.000 euros, podendo acadar a subvención o 100% do custo da acción sen superar o custo de 12.000 euros por proxecto formativo.
Deste xeito, indicou a secretaria xeral da Igualdade, "quérese promover a realización por parte dos centros de información as mulleres, de programas de formativos deseñados en función das demandas das mulleres do contorno que atenden, e poder ofrecer así unha formación máis axeitada ás súas necesidades, favorecendo a coordinación integral de todos os servizos que presta un centro de información ás mulleres".