As axudas autonómicas do programa Emega de apoio ao emprendemento e ao emprego feminino poden solicitarse ata o próximo 12 de agosto

O programa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade conta nesta edición con case 4,4 millóns de euros, o maior orzamento da súa historia co que a Xunta prevé conceder unhas 275 axudas, un 18% máis que na anterior convocatoria

O Goberno galego leva destinados desde 2009 cerca de 19 millóns a esta iniciativa, cos que apoiou máis de 1.100 proxectos empresariais e creou case 1.700 postos de traballo feminino

Entre as novidades, o programa terá en conta os plans de igualdade para as axudas previstas de conciliación e priorizará ás mulleres vítimas da violencia de xénero, paradas de larga duración, maiores de 45 anos ou menores de 30 ou con discapacidade

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2022.-

As axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade do programa Emega, de fomento do emprendemento feminino, poden solicitarse aínda, ata o próximo 12 de agosto. A convocatoria deste ano conta cun orzamento histórico de case 4,4 millóns de euros (un 34% máis que o ano pasado), co que a Xunta prevé outorgar 275 axudas, un 18% máis que en 2021, no que se concederon 234. 

O crédito da convocatoria experimenta na anualidade 2022 un incremento significativo, co obxectivo de ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero. 

O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

Catro liñas integran o programa: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como as traballadoras ao seu cargo na súa conciliación. 

A contía dos apoios vai dos 8.000 euros por beneficiaria aos 42.000 en función da liña solicitada e do número de postos de traballo creados ou mantidos para mulleres de carácter indefinido. A estas contías engadiríase, de ser o caso, a axuda complementaria da liña Concilia, que oscila entre os 3.000 e os 5.000 euros.

Para resultar beneficiarias do programa Emega, as mulleres emprendedoras deben liderar  unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.

Como novidades este ano, ademais do incremento orzamentario global, teranse en conta os plans de igualdade que teñan vixentes como documentación acreditativa e se elevará a puntuación de pertenza das posibles beneficiarias a algún colectivo prioritario (mulleres con discapacidade, vítimas da violencia de xénero, menores de 30 anos ou maiores de 45 no inicio da actividade laboral, desempregadas de larga duración...), valorándose cada unha destas circunstancias.

A Xunta consolida o seu apoio ao talento e o liderado feminino, polo que continúa a impulsar o programa Emega que conta con 26 anos de traxectoria en Galicia, como punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral.

O pasado 2021 o programa permitiu apoiar a cifra de 234 iniciativas empresariais de mulleres e a creación de 272 novos postos (158 por conta propia e 114 por conta allea) de mulleres, así como o mantemento doutros 240.

Coa convocatoria deste ano incluída, desde 2009, o Goberno galego leva investidos cerca de 19 millóns de euros no programa, que alumeou ata 2021, 1.134 proxectos empresariais femininos que permitiron crear 1.688 postos novos e o mantemento de 425 preexistentes.