- Galego
- Castellano
A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, e a xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller da delegación do Goberno en Galicia, Laura Rodríguez, coincidiron hoxe na necesidade da coordinación entre as distintas administracións para poder avanzar na erradicación definitiva da violencia de xénero, prioridade absoluta para as dúas responsables.
O encontro que mantiveron hoxe Marta González e Laura Rodríguez foi o primeiro entre a responsable de Igualdade do goberno galego e a nova xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller, que vén de tomar posesión do seu cargo. Esta xuntanza non será a única, xa que ambas responsables acordaron manter reunións presenciais cada tres meses, co obxectivo de intercambiar posicións e coordinar algunhas das liñas de actuación.
De feito, para as dúas administracións, autonómica e central, a "prioridade absoluta" é traballar "para a erradicación definitiva da violencia de xénero" e para iso, destacou a secretaria xeral da Igualdade, "a coordinación entre administracións é necesaria".
A secretaria xeral e a xefa da unidade concordaron na cautela coa que hai que tomar as cifras de violencia de xénero en Galicia, moito máis positivas que as do ano anterior. "Aínda que as cifras indican un retroceso no número de denuncias e hai un menor número de vítimas mortais, non podemos caer no erro de pensar que todo está feito, xa que para que se verifique o avance nos resultados é preciso que se repitan nos vindeiros anos", indicou Marta González.