Movéndose pola igualdade
É preciso entender que para lograr a igualdade é imprescindible a incorporación dos homes á actividade pola igualdade, xa que non é só un asunto de mulleres. Cambiar a sociedade non é posible sen a participación dos homes. É preciso comprender que coa igualdade gañamos todos/as. As mulleres adquirimos novos roles e experiencias noutras facetas, máis aló da vida familiar, e os homes logran superar o denominado "analfabetismo emocional", permitíndolles así descubrir unha nova paternidade, máis próxima e responsable, e unha cidadanía autónoma, na que non dependen doutras persoas para a súa supervivencia como seres vivos.
Sen embargo, superar eses estereotipos dunha cultura patriarcal dominante é un problema moi complexo que precisa de mudanzas, non só no eido persoal de cada un, senón no eido social. Unha boa forma de avanzar de forma efectiva é lograr incorporar aos homes á idea de que a igualdade de dereitos e oportunidades e unha situación coa que gañamos todos e todas.
Logralo non é tan fácil. O primeiro é superar a resistencia masculina ás mudanzas, e para iso é preciso identificar cales son as actitudes e as situacións que dificultan que os homes incorporen ao seu imaxinario colectivo e individual a idea de igualdade e a poñan en práctica.
Para elo, é necesario crear valores sociais e referentes positivos de masculinidade, que substitúan ao tradicional modelo machista, que a moitos segue a darlles seguridade e forza para defenderse do que consideran a "ameaza" do avance das mulleres.
É positiva neste obxectivo, a articulación de redes de homes igualitarios; grupos e asociacións que posibiliten o apoio mutuo entre os homes que dan o paso de iniciar a mudanza e opoñerse ao modelo machista maioritario.
As novas políticas de igualdade dirixidas a homes nunca deben plantexarse como substitutivas das actuais. Deben sumarse e ser complementarias ás mesmas, tanto nas mensaxes como nas actuacións.
Unha boa forma de facelo é fomentando o tecido asociativo de homes pola igualdade que favoreza a formación de referentes positivos de masculinidade igualitaria.
Tamén é positivo desenvolver campañas de sensibilización que transmitan a mensaxe adecuada ao conxunto da poboación masculina, visibilizando as ganancias que mulleres e homes obtemos coa igualdade e redefinindo socialmente a violencia como o recurso das persoas que fracasan, das persoas covardes.