A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asegurou que a maior parte das persoas obxecto de trata en Galicia son mulleres que sofren explotación sexual
A nosa Comunidade participa como socia no proxecto “Itíneris: Protección dos Dereitos das Persoas Migrantes contra a Explotación, de Brasil cara á Unión Europea”
O Goberno galego é pioneiro na loita contra esta lacra, como se reflicte no protocolo asinado coa Fiscalía para afondar en medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítima de explotación sexual
Bruxelas, 20 de novembro de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en Bruxelas os resultados do estudo exploratorio sobre a trata de persoas en Galicia, que ten como principal obxectivo a análise da situación e o impulso de accións específicas para atallar esta práctica delictiva. No acto estivo acompañada da subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, Belén Liste.
Este documento enmárcase dentro do proxecto europeo “Itíneris: Protección dos Dereitos das Persoas Migrantes contra a Explotación, de Brasil cara á Unión Europea” no que participan como socios os gobernos de Brasil, Portugal e de Galicia a través da Secretaría Xeral da Igualdade.
A responsable da Igualdade do Goberno galego salientou que a maioría das persoas obxecto de trata en Galicia son mulleres e rapazas que sofren explotación sexual. E a meirande parte das vítimas proveñen das zonas máis deprimidas de Brasil, Colombia, República Dominicana, Romanía e Nixeria, segundo se desprende das investigacións e do traballo de campo realizado. Con todo Susana López Abella matizou que non é doado estimar a extensión real do problema, xa que en moitas ocasións o fenómeno de trata agóchase detrás doutros coma a prostitución ou a inmigración ilegal.
O estudo constata que en Galicia poden establecerse dous perfís diferenciados no ámbito da trata de persoas. Un para vítimas de trata laboral (varóns, maiormente procedentes de Marrocos e de Senegal) e outro para vítimas de trata sexual (neste caso mulleres, procedentes sobre todo de Brasil e de Romanía). Tamén se perciben dúas formas de captación das vítimas segundo a súa finalidade. No caso de explotación sexual o método de contacto adoita ser a través de amigos, coñecidos e mesmo familiares. Mentres, para a explotación laboral, recórrese a redes máis formalizadas (axencias ou intermediarios sen vinculación emocional coa vítima).
A pesares da carencia de datos e rexistros específicos que impiden coñecer a dimensión obxectiva deste fenómeno, o traballo realizado pretende mellorar as actuacións de todas as instancias implicadas na loita en contra da trata de seres humanos e contribuír a sumar esforzos para impulsar liñas de acción específicas.
Recomendacións
Entre as recomendacións que formula o estudo figura a de involucrar a todos os sectores clave –sobre todo as ONGs especializadas- na posible identificación de vítimas de trata e a creación dun protocolo sanitario específico para estes casos. Así mesmo demándase unha lei integral contra a trata con protocolos de actuación e responsabilidades delimitadas, unha maior colaboración e coordinación entre os axentes implicados (ONGs, corpos e forzas de seguridade,...) e dotar de máis recursos ás organizacións que atenden e asisten ás vítimas.
Outras liñas de actuación que propón o estudo son reforzar a formación específica para os axentes que participan na loita contra a trata, combater e previr a vitimización, reforzar a intervención social orientada a favorecer a autonomía da vítima, e a inclusión das mulleres vítimas de trata identificadas en Galicia no marco de axudas das vítimas de violencia de xénero.
Na súa intervención, Susana López Abella lembrou o compromiso do Goberno galego con esta problemática, que se reflicte no VI Plan Galego para a igualdade entre mulleres e homes: Estratexia 2013-2015. Neste documento previse unha atención integral e específica ás mulleres vítimas da trata de seres humanos, fundamentalmente con fins de explotación sexual. Ademais, Galicia foi pioneira na loita contra esta lacra mediante un convenio coa Fiscalía Superior de Galicia formalizado en 2010 co fin de investigar, previr e tratar ás mulleres que se atopan nesa situación.
Conclusións
Pese aos avances do novo marco normativo-legal en España para a persecución destes delitos e a especialización da Fiscalía de estranxeiría, o estudo evidencia eivas na colaboración entre os actores competentes (forzas de seguridade e ONGs).
Dado que o contexto máis habitual na trata de persoas é o transnacional, incídese na necesidade de desenvolver estratexias de cooperación internacional e traballar de xeito conxunto coas institucións dos países de orixe das vítimas e potenciais vítimas de trata.
O documento elaborado pola Secretaría Xeral da Igualdade contou coa colaboración das ONGs especializadas en trata de seres humanos, co persoal das Forzas e Corpos de Seguridade, da Fiscalía Superior de Galicia, da xudicatura, dos concellos e dos axentes sindicais, e mesmo coas testemuñas de 13 experiencias de persoas que padeceron unha situación de trata e explotación laboral/sexual.