Igualdade recibe a Cáritas para abordar programas destinados a mulleres vítimas de trata e en especial vulnerabilidade

A secretaria xeral, Susana López Abella, salientou o traballo da asociación e lembrou que en 2013 recibiron 100.000 euros para a atención destas mulleres

Grazas a estas axudas, atendéronse a máis de 400 mulleres vítimas de explotación sexual e a outras 44 xestantes e lactantes en dificultade social

  • Susana López Abella na reunión con Cáritas
  • Susana López Abella na reunión con Cáritas
  • Susana López Abella na reunión con Cáritas

Santiago, 23 de xaneiro de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta tarde en encontro coa responsable de cooperación internacional de Cáritas, Alejandra Escalada, e membros da entidade en Brasil, para abordar cuestións relativas á trata de mulleres con fins de explotación sexual e á atención de xestantes e lactantes especialmente vulnerables.

López Abella salientou o traballo e implicación da asociación coas mulleres en este tipo de situacións e lembrou que o ano pasado o departamento que dirixe achegou a Cáritas Santiago máis de 100.000 euros para a atención destas mulleres.

Concretamente, a Secretaría Xeral da Igualdade firmou dous convenios de colaboración para desenvolver programas de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual, cun importe de 82.000 euros e que permitiu axudar a máis de 400 mulleres.

Durante a reunión, os representantes da entidade en Brasil interesáronse polo programa ITINERIS, un proxecto europeo no que a Xunta de Galicia participou como única Comunidade Autónoma en España, xunto a Brasil, Portugal e o ICPM de Viena; e que ten por obxectivo a protección dos dereitos das persoas migrantes contra a Explotación, centrandose nas mulleres de Brasil que chegan á Unión Europea.

Mulleres xestantes e lactantes en situación de vulnerabilidade
Ademais, a través da orde de subvencións a entidades de iniciativa social, Igualdade financiou dous proxectos de Cáritas Santiago: o Programa Grávida e o Proxecto Agromar, con máis de 23.000 euros e 44 mulleres participantes.

O Programa Grávida é un recurso integral específico para mulleres xestantes e/ou lactantes con fillos/as menores de 3 anos. Desenvolveu as súas accións especialmente na comarca de Compostela, con colaboracións bidireccionais con entidades de comarcas próximas.

A través deste programa se atenderon a 34 mulleres, a inmensa maioría de procedencia brasileira e dominicana -seguidas de participantes romanesas, venezolanas e nixerianas- ás que se lles ofreceron servizos de acompañamento socio-sanitario; atención psicolóxica; apoio e asesoramento de inserción laboral e formación afectivo-sexual e educación para a maternidade.

Pola súa banda, o Proxecto AGROMAR contou con dez mulleres destinatarias con fillos/as lactantes ao seu cargo sen apoio da familia extensa, que precisaron axuda, orientación e unha intervención sicopedagóxica integral. Tratábase de mulleres en dificultade social, ben por atoparse en paro, ben por precariedade económica, cargas familiares, problemas de maltrato e vexacións, ou desestruturacións familiares, entre outras causas.