As mulleres na área da I+D+i en Galicia non están en igualdade de condicións que os homes

As mulleres que se dedican á investigación, ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación (I+D+i) en Galicia non están en igualdade de condicións cos seus colegas homes, aínda que moitas non perciben as importantes desigualdades existentes, segundo o estudo “Situación das mulleres no sistema Ciencia-Tecnoloxía-Empresa de Galicia”, realizado pola área de Igualdade da Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, e para o que se compilou información procedente de 164 grupos de investigación ou equipos de I+D+i e se fixeron un total de 618 entrevistas, 298 a mulleres e 320 a homes.

O estudo, realizado no eido do Programa Galego de Muller e Ciencia 2008-2010, ten por obxectivo xeral coñecer, desde a perspectiva de xénero, a situación das mulleres que actualmente se dedican á I+D+i na nosa Comunidade Autónoma.

A principal conclusión é que no eido do I+D+i en Galicia existen importantes desigualdades entre homes e mulleres. Os homes sitúanse nos postos máis relevantes, teñen mellores salarios, non se lles esixe un nivel de formación tan alto para acceder aos postos de maior responsabilidade, e desenvolven o seu traballo nas áreas con maior importancia económica e máis valoradas socialmente. Sen embargo, estas desigualdades non son percibidas polas persoas que traballan neste sector.

As profesionais da rama da investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación móstranse moi satisfeitas co traballo que desempeñan. Puntúan o grao de satisfacción co traballo realizado cun notable alto. Coinciden en destacar como aspectos positivos a creatividade, o dinamismo, a posibilidade de facer o que realmente lles gusta, relacionarse con outras persoas e desenvolver un traballo en equipo. Como aspectos menos atractivos apuntan que é un sector que esixe unha enorme dedicación, en horas e en anos, e que se da unha gran competitividade, característica que é percibida como especialmente negativa.

De entrada, son moi poucas as persoas que identifican neste ámbito desigualdades de xénero ou discriminacións, pero os valores, costumes e demais elementos socioculturais dunha sociedade aínda moi machista impregnan o sector científico-tecnolóxico, que non queda á marxe.

A través do presente estudo conclúese a existencia das dúas formas de discriminación máis habituais. Por un lado, a discriminación horizontal, pola que as mulleres quedan "relegadas" a determinadas disciplinas e a certos traballos que poden considerarse unha extensión académica e profesional do rol de coidado tradicionalmente asignado e asumido polas mulleres. Isto tradúcese en que determinadas carreiras estean máis feminizadas que outras e que a certos traballos (os feminizados), se lles dea menor valor que a outros.

Un exemplo diso é que nas titulacións de ciencias da saúde, ciencias xurídicas e sociais e humanidades, as mulleres son maioría, por encima do 60%, e nas ciencias experimentais, aínda que tamén superan o número de homes, esta diferenza é menor. Sen embargo, a proporción de mulleres tituladas en ensinanzas técnicas non acada o 29%.

Máis formación, menor remuneración

Ademais, a área das tecnoloxías da información e as telecomunicacións son as que contan con maior número de persoas empregadas, aínda que só o 4% do total son mulleres. Séguenlle en número de persoas ocupadas as áreas de biomedicina e ciencias da saúde, as tecnoloxías de deseño e produción industrial e o medio mariño, sendo estas, a excepción das tecnoloxías de deseño e produción industrial, aquelas cun maior peso relativo de mulleres.

Por outra parte, tamén se atopa a discriminación xerárquica ou vertical, pola cal mulleres capaces e brillantes mantéñense nos niveis máis baixos do escalafón. Aínda que a discriminación é legalmente condenable e "politicamente" incorrecta, hai múltiples formas encubertas e sutís que, producidas de xeito continuado, teñen gran impacto nas vidas das mulleres. Formas de discriminación que poden ir desde o sexismo benevolente e protector, a negación sistemática da existencia de desigualdades, o resentimento e enfado cando se producen queixas pola existencia de discriminación e a indignación manifesta cando se toman medidas que favorezan especialmente ás mulleres.

Por exemplo, o nivel de formación máis frecuente entre as mulleres investigadoras e tecnólogas é o doutoramento (o 32,6% do total das profesionais), mentres que o máis habitual entre os homes, aínda que nunha porcentaxe tan só lixeiramente menor, é o de licenciatura (o 33,1%). En xeral, o nivel de estudos acadado polas mulleres é máis elevado que o dos seus compañeiros. Sen embargo, o 75,3% dos homes, fronte o 56,4% das mulleres, gozan dunha situación de estabilidade laboral e o 25,9% dos homes do sector percibe máis de 2500€/mensuais, fronte ao 15,5% das mulleres que acadan esta retribución. Pola contra, o 11% das mulleres do sector cobran salarios por debaixo dos 900€, fronte o 5% dos homes.

A maternidade e a conciliación

A maternidade e a familia tamén son un factor de desigualdade para as mulleres. Ata os 35 anos a presenza de mulleres é superior á media, mentres que a partir desa idade, esta redúcese progresivamente. O 66,8% do persoal investigador non ten descendencia, porcentaxe que no caso das mulleres aumenta ata o 71,1% . A media de fillos/as para os homes é de 0,68; para as mulleres 0,47.

O 29,1% das mulleres (o dobre que a porcentaxe de homes na mesma situación) afirma ter visto condicionada a súa traxectoria profesional por motivos familiares. A causa máis frecuente é a maternidade, que afecta ao 19,8%. A paternidade só supón un condicionante para o 7,3% dos homes. De feito, a problemática da maternidade fai que máis tarde ou máis cedo as mulleres se cuestionen o seu proxecto de vida e teñan que tomar unha decisión ao respecto: ter ou non ter fillos/as, abandonar ou ralentizar a súa carreira profesional, compaxinar ambas as dúas ou decantarse pola traxectoria profesional.

Ante esta situación, os recursos para a conciliación existentes son considerados escasos ou considérase que non se adaptan á realidade das persoas traballadoras. En xeral, as entidades non contan con políticas activas de conciliación e adoptan medidas puntuais, previa solicitude do persoal traballador, dependendo do posto que ocupe. As medidas máis demandadas son a xornada flexible e o teletraballo.

En canto á percepción das posibilidades dun futuro abandono da carreira científico-investigadora, ben por causas familiares ou por outros motivos, é maior o número de mulleres que o considera posible. Un 38% das mulleres cren que terán que abandonar nalgún momento por motivos familiares, xa que socialmente seguen a ser consideradas como únicas responsables do doméstico e do coidado.

A porcentaxe de mulleres que declara ter interese por lograr unha promoción no seu traballo sitúase no 70,4%, mentres que entre os homes este descende ao 58.3%. Isto pode estar relacionado con que, en xeral, son as mulleres as que ocupan os postos máis baixos, teñen peores salarios e están situadas nunha escala profesional inferior a súa titulación académica.

O estudo sobre a situación das mulleres no sistema Ciencia-Tecnoloxía-Empresa de Galicia diferénciase doutros traballos sobre o mesmo asunto en que se busca responder aos "porqués" da problemática das mulleres no ámbito da ciencia e a tecnoloxía e avaliar a situación das investigadoras na actividade científica e tecnolóxica. Ademais, amplíase o campo de estudo, que abrangue o sector educativo, o empresarial, os grupos de investigación de todas as ramas científicas, equipos especialistas en desenvolvemento e aplicación de novas tecnoloxías, así como profesionais expertos/as en deseño, formulación e xestión de proxectos de I+D+I.

A información que se analiza neste estudo correspóndese a un total de 164 grupos de investigación ou equipos de I+D+I, dos que 86 pertencen ao sector privado e 78 ao público. En total realizáronse 618 entrevistas, 298 a mulleres e 320 a homes.