Exposición 'Elas fan camiño'

28/07/2010

A exposición Elas fan Camiño rende homenaxe ás mulleres peregrinas e a todas aquelas que participaron na conservación e na promoción do Camiño de Santiago ao longo da historia.

Coincidindo coa celebración do Ano Santo Xacobeo 2010, Igualdade inaugurou esta exposición co obxectivo de dar protagonismo ás mulleres no Camiño, para lembrar o papel que desde o principio da peregrinación en Galicia, a través dos camiños a Santiago, xogaron moitas mulleres, tanto mulleres coñecidas e famosas -raíñas, santas- como mulleres anónimas que chegaron ata Santiago percorrendo con dificultades os camiños para pregar ante o Apóstolo.

As mulleres peregrinaron dende moi cedo aos lugares máis afastados e relevantes do cristianismo e tamén foron protagonistas na creación e mantemento dos camiños e rutas de peregrinación, verdadeiras canles de circulación da cultura e dos progresos técnicos e socioculturais europeos durante séculos.

As mulleres peregrinas

Son moitos os exemplos de mulleres peregrinas que a exposición presenta, desde Exeria, a primeira peregrina galega, que fixo unha extraordinaria viaxe a Xerusalén e Terra Santa no século IV, deixándonos unha preciosa testemuña das súas vivencias, ata as peregrinas de hoxe, que viven o camiño como unha experiencia inesquecible de atoparse consigo mesmas. Desde a condesa dona Egilo, esposa do conde Gatón, que fundou o hospital no lugar que hoxe leva o seu nome, Hospital da Condesa, ata as mulleres que desde as responsabilidades de goberno nos seus concellos promoven e favorecen o paso dos peregrinos polo seu municipio.

A exposición

A exposición dividise en tres eixos. Unha primeira parte, Elas fixeron Camiño que retrotrae  á longa tradición das rutas de peregrinación e a presenza da mulleres nelas dende diferentes perspectivas. Aquí poderemos coñecer a Exeria, a primeira peregrina galega coñecida, a algunhas das hospitaleiras, as protectoras do camiño, etc…

A segunda sección, Elas marcaron o Camiño, mostra a importancia da espiritualidade na tradición xacobea,  vínculo entre o pasado e o presente, a través da devoción feminina e a estendida presenza do culto mariano no Camiño. Nesta parte da mostra reflíctese a importancia do culto mariano nas rutas Xacobeas en Galicia e as diversas virxes peregrinas galegas, como a de Pontevedra ou a de Bertamiráns.

A última parte da exposición, Elas fan Camiño, céntrase no Camiño de Santiago actual, onde o protagonismo das mulleres é indiscutible. Son protagonistas mulleres con nome e apelido escollidas segundo a súa implicación e funcións ao longo das rutas galegas a Santiago, que forman parte esencial dos camiños a Compostela,  non só como peregrinas, senón tamén co seu silencioso facer cotián. Apoian ás peregrinas e aos peregrinos dende diferentes ámbitos: servizos sociais e humanitarios, administración, atención das infraestruturas, manutención e organización, dan ánimos e infunden ilusións nas camiñantes decaídas ou desfalecidas polas duras e longas xornadas da ruta.

Elas Fan Camiño puido visitarse en 2011 nos seguintes concellos:

  • Valga, do 1 ao 15 de febreiro
  • San Sadurniño, do 16 ao 30 de febreiro
  • Ponteceso, do 2 ao 14 de marzo
  • Catoira, do 16 ao 30 de marzo
  • Guitiriz, do 1 ao 14 de abril
  • Avión, do 16 ao 30 de abril
  • O Rosal, do 2 ao 16 de maio
  • Outes, do 18 ao 31 de maio
  • Burela, do 2 ao 14 de xuño
  • Rodeiro, do 16 ao 30 de xuño
  • Quiroga, do 1 ao 14 de xullo
  • Malpica, do 16 ao 31 de xullo
  • Barreiros, do 2 ao 15 de agosto
  • A Gudiña, do 16 ao 31 de agosto
  • Pereiro de Aguiar, do 2 ao 15 de setembro
  • Mazaricos, do 16 ao 29 de setembro
  • Frades, do 1 ao 14 de outubro
  • Vilalba, do 16 ao 30 de outubro
  • Cerceda, do 1 ao 14 de novembro
  • Montederramo, do 16 ao 30 de novembro
  • Curtis, do 2 ao 15 de decembro
  • Lalín, do 17 ao 31 de decembro
Tema: