Igualdade abre a convocatoria de axudas a asociacións de mulleres cunha dotación de 300.000 euros

As axudas teñen como finalidade fortalecer e consolidar o movemento asociativo de mulleres, por ser elemento indispensable na promoción da igualdade de oportunidades, establecendo unha liña de apoio ao seu mantemento e funcionamento. A contía máxima por entidade é de 6.000 euros e as interesadas poderán solicitar as axudas nos departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ata o próximo 25 de xuño.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras da convocatoria das axudas económicas a favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, con destino a gastos correntes derivados do seu mantemento e funcionamento durante o ano 2010.

A Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario contribuír a estimular, e ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades, para o que pon en marcha axudas económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas federacións, que teñan como obxectivos promover a igualdade entre homes e mulleres e promover a participación e presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.

A presente convocatoria ten un orzamento de 300.000 euros e a contía de cada axuda determinarase sobre a base de puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos, e poderá alcanzar como máximo o 90% do total do orzamento presentado por cada asociación ou federación, sen que en ningún caso supere os 6.000 euros por entidade beneficiaria. Para os efectos desta resolución é compatible que unha asociación solicite esta axuda aínda que a federación á que pertence tamén a solicite.

Conceptos subvencionables

As axudas reguladas na presente resolución teñen como finalidade fortalecer e consolidar o movemento asociativo de mulleres, por ser elemento indispensable na promoción da igualdade de oportunidades, establecendo unha liña de apoio ao seu mantemento e funcionamento. Por este motivo, concederanse axudas económicas para compensar os gastos realizados e efectivamente pagados que orixine o mantemento ou funcionamento destas entidades entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2010.

O mantemento inclúe o financiamento dos gastos correntes en bens e servizos asociados ao local onde se ubique a sede social da entidade, obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial do dito inmoble.

A subvención do funcionamento ten como obxectivo facilitar o desenvolvemento das actividades propias e habituais da entidade, incluíndo gastos de subministros, material funxible de oficina e ofimático, correo e outros análogos. Tamén serán subvencionables os gastos de persoal que desenvolva unicamente funcións administrativas.

Todos os gastos serán correntes e polo tanto, as entidades beneficiarias non poderán imputar gastos de inversión para a xustificación da axuda concedida. En ningún caso serán subvencionables os gastos correntes derivados do desenvolvemento de actividades ou programas da entidade solicitante.

Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta, entre outros criterios, as actividades organizadas pola entidade peticionaria nos últimos 2 anos no ámbito das políticas de igualdade; a participación en actividades formativas organizadas polas administracións públicas no ámbito da igualdade; que teñan domicilio social en municipios pequenos; así como que sexan asociacións de nova ou recente creación.

As entidades que desexen solicitar estas axudas, poderán facelo ata o 25 de xuño nos departamentos territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo oficial que figura como anexo I desta resolución, que pode encontrarse no espazo de Axudas e convocatorias desta páxina.

A resolución da subvención será notificada no prazo máximo de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, se transcorrido o dito prazo non se notificaran as resolucións, as solicitudes entenderanse desestimadas.

 

Contido: