12º Foro Galego de Educación para a Igualdade

Un dos obxectivos deste foro é axudar a previr a violencia en todas as súas formas desde o ámbito educativo, buscar novas perspectivas para abordala e, en especial, a que ten como vítimas ás mulleres, dado que a prevención é unha das tarefas pendentes na educación escolar do século XXI. É necesario que a comunidade escolar e os medios de comunicación tomen conciencia e se sensibilicen sobre a violencia de xénero, xa que o seu papel é clave para comezar a superala e lograr a igualdade entre mulleres e homes.  No foro presentouse unha ferramenta audiovisual de traballo na aula: "Fíos Violeta. Convivir en igualdade", que publicou a Secretaría Xeral da Igualdade.

O foro, que este ano levou por título "Por outra mirada: o papel social do ensino e dos medios de comunicación fronte á violencia de xénero", estivo organizado polo Seminario Permanente de Educación para a Igualdade, dependente da Secretaría Xeral da Igualdade e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Nesta ocasión o foro celébrouse dentro do marco das actividades conmemorativas do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, por iso a súa temática xirou arredor deste tema.

A secretaria xeral da Igualdade explicou que debemos ter en conta que "a prevención da violencia é un dos principais retos aos que se enfrontan as sociedades de hoxe, na medida en que esta violencia está a adoptar novas formas de expresión e exhibición" e  a isto hai que sumarlle que "unha boa parte da realidade que coñecemos nos ven dada pola selección que realizan os medios de comunicación, onde a presenza da violencia ten un papel destacado e normalizado, cando debería tratarse dalgo algo excepcional".

Por iso, indicou, "é necesario que a educación nas aulas fomente o traballo de alfabetización audiovisual, para encauzar máis axeitadamente a acción socializadora tan importante que teñen os medios de comunicación", sendo preciso ademáis que os nenos e as nenas, os adultos tamén, "logren consolidar unha comprensión significativa da violencia para alcanzar a mirar os seus múltiples rostros, para que comprendan a idea de que entender é algo distinto do mero ver".

Durante os dous días do foro, especialistas na materia debatiron sobre cómo desenvolver unha proposta educativa que supere a distancia existente entre as expectativas que a sociedade ten sobre o papel dos centros educativos na erradicación da violencia, e a realidade, na que se mesturan influencias da familia, dos medios de comunicación, o grupo de iguais ou a sociedade en xeral, co papel determinante, pero non definitivo, da escola.

Un dos obxectivos prioritarios deste foro foi o de axudar a previr a violencia en todas as súas formas desde o ámbito educativo, buscar novas perspectivas para abordala e, en especial, aquela violencia dirixida contra as mulleres, dado que a súa prevención é unha das tarefas pendentes para a educación escolar do século XXI, e conseguir a concienciación da comunidade escolar e a dos medios de comunicación, tema clave para superala  e lograr a igualdade entre mulleres e homes.