Igualdade inaugurou a mostra 'Cartas de amor' para sensibilizar contra a violencia de xénero a través do cómic

"Cartas de Amor" é unha mostra do cómic galego sobre violencia de xénero, con debuxos de artistas  de sona como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Olivares. A exposición quere sensibilizar a poboación máis nova sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e polo tanto a eliminala.

  • Igualdade inaugurou a mostra 'Cartas de amor' para sensibilizar contra a violencia de xénero a través do cómic
  • Igualdade inaugurou a mostra 'Cartas de amor' para sensibilizar contra a violencia de xénero a través do cómic
  • Igualdade inaugurou a mostra 'Cartas de amor' para sensibilizar contra a violencia de xénero a través do cómic

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, inaugurou hoxe, no Instituto de Ensino Secundario Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, a exposición “Cartas de Amor”, unha mostra do cómic galego sobre a violencia de xénero, que se engloba dentro das conmemoracións do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

Na inauguración, Marta González estivo acompañada do director do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda Soto, a comisaria da mostra e responsable da empresa Patito Feo, Gemma Sesar, algunhas das artistas como Pirusca e a escritora Anxos Sumai, e polos alumnas e alumnos do centro educativo.

A exposición, que percorrerá os centros educativos galegos que a soliciten, ten coma obxectivo tentar sensibilizar á poboación máis nova, facer reflexionar aos e ás adolescentes sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudar a detectala e polo tanto tamén a eliminala.

Marta González lembrou a idea da exposición xurdiu “da preocupación ante os moitos casos de violencia, que nos últimos anos, se detectan nas relacións de parella entre adolescentes e xente moi nova”.

Durante moito tempo, sinalou a secretaria xeral, “pensamos que a violencia contra as mulleres era mais ben de persoas dunha certa idade educadas na desigualdade e que foran educadas nun mundo onde as mulleres tiñan limitada a súa capacidade de acción”, pero a realidade demostrou que “non é así, e que na sociedade actual, na que as mulleres ocupan postos de responsabilidade, e participan activamente en calquera área, laboral, política, cultural… tamén se dan casos de violencia entre a xente mais nova”.

Na busca de solucións preventivas e co obxectivo de atallar este problema, dixo, González, a Secretaría Xeral da Igualdade puxo en marcha unha serie de accións encamiñadas a facer reflexionar aos e ás adolescentes sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse.

Unha delas é a exposición que hoxe se inaugurou "Cartas de Amor", “coa que pretendemos establecer un paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella, e a crueldade que, ás veces, vai asociada a elas, tendo en conta que, nos últimos anos, se detectan moitos casos de relacións de parellas entre adolescentes cunha forte carga de violencia verbal e incluso física”, afirmou Marta González.

A comisaria da mostra, Gemma Sesar, propuxo a varios debuxantes galegos e nacionais que plasmasen nunha imaxe situacións ou momentos que considerasen como violentos entre adolescentes, co obxectivo de por de manifesto a necesidade de mudar esas actitudes por outras nas que prime o respecto á parella.

Deste xeito, na mostra están os traballos dos dous premios nacionais de ilustración, Miguel Calatayud, e de cómic, Paco Roca, no ano 2009; así como figuras galegas, como Patricia Castelao, Pirusca, David Pintor e Óscar Villán.

Tamén participan autoras e autores que están acadando grande éxito entre a xente máis nova, como Eva Vázquez, Javier Olivares, Primitivo, Sonia Pulido, Jack Mircala ou Sergi San Julián. Ademais o escultor Méndez, a escritora Anxos Sumai e o deseñador Fausto, únense a esta mostra con tres achegas diferentes.

“Todos e todas elas mostran no seu traballo de xeito claro e persoal o que as "Cartas de Amor" non deben ser, e invítannos a reflexionar, a escoitar o que os corazóns din, pero sempre pensando tamén no respecto e na liberdade das persoas que están ao noso carón,  concluíu a secretaria xeral da Igualdade.

Esta mostra é un paso máis no traballo a favor da eliminación da violencia de xénero, o cal implica unha importante actividade na sensibilización da sociedade en xeral e na educación das xeracións máis novas en valores como a igualdade entre mulleres e homes ou o rexeitamento aos comportamentos violentos, en particular.