O papel do ensino e dos medios de comunicación, necesario para loitar contra a violencia de xénero

É moi importante que a información que se refire á violencia de xénero sexa, ademais de información, expresión da condena e rexeitamento de toda unha sociedade aos malos tratos, e para iso, o coñecemento, a especialización e a responsabilidade dos e das profesionais do xornalismo suporán grandes activos para a total eliminación deste gravísimo problema social. 'Fíos Violeta', de María Hermelo e publicado por Igualdade, é un material para utilizar co alumnado de educación secundaria, interdisciplinar, que utiliza a imaxe para invitar á reflexión sobre o mundo no que vivimos e como podemos axudar a cambialo.

  • O papel do ensino e dos medios de comunicación, necesario para loitar contra a violencia de xénero
  • O papel do ensino e dos medios de comunicación, necesario para loitar contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, defendeu hoxe o importante papel que teñen os medios de comunicación e o ensino na prevención da violencia de xénero, na erradicación dos estereotipos sexistas e na consecución dunha sociedade na que homes e mulleres sexamos realmente iguais.

Na inauguración do 12º Foro de Educación para a Igualdade, que este ano, coincidindo coas celebracións do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, leva por título “Por outra mirada: o papel social do ensino e os medios de comunicación fronte á violencia de xénero”, a responsable de igualdade do goberno galego mencionou a “responsabilidade” que teñen “os medios de comunicación e a escola, como dous dos principais axentes socializadores, en que os nenos e as nenas constrúan a súa percepción do mundo sen estereotipos sexistas e sen violencia contra as mulleres”.

Marta González lembrou que os medios de comunicación poden influír positivamente na sociedade, aínda que, “desgraciadamente, non sempre é así, e en ocasións axudan á consolidación dunha imaxe estereotipada das mulleres e dos homes”. Un exemplo desa dualidade, sinalou, é o tratamento da violencia de xénero, xa que por un lado é positivo que se visualice e por outro é negativo polo “tratamento moitas veces inadecuado” que se lles dá, especialmente en televisión, tratándo as noticias como “sucesos”, con todo tipo de datos persoais relativos ás vítimas, o que incide despois na súa revitimización, e agachando e manexando estereotipos claros sobre os culpables.

“É moi importante que a información que se refire á violencia de xénero sexa, ademais de información, expresión da condena e rexeitamento de toda unha sociedade aos malos tratos, e para iso, o coñecemento, a especialización e a responsabilidade dos e das profesionais do xornalismo suporán grandes activos para a total eliminación deste gravísimo problema social”, afirmou a secretaria xeral da Igualdade.

Ademais, engadiu, “sería moi importante que os medios enmarcaran a explotación sexual e o tráfico de persoas dentro da violencia de xénero, e non as presentaran como unha conduta socialmente admisible; arredor deste tema está a posible prohibición da emisión ou publicación de publicidade vexatoria para as mulleres, incluídos os anuncios denominados “de contactos” sobre actividades relacionadas coa explotación sexual das persoas”.

No que se refire ao papel do ensino en todo este proceso, González apuntou que debe ter en conta o papel fundamental que teñen os medios de comunicación nas nosas vidas, e particularmente a imaxe, “é utilizalos para reflexionar sobre a realidade que nos toca vivir e aquilo que queremos e debemos cambiar”.

E precisamente nesta liña, lembrou a secretaria xeral da Igualdade, está o material didáctico que se presenta nestas xornadas, Fíos Violeta, de María Hermelo, un material para utilizar co alumnado de educación secundaria, interdisciplinar, que utiliza a imaxe para invitar á reflexión sobre o mundo no que vivimos e como podemos axudar a cambialo. María Hermelo elaborou este material didáctico durante unha licenza de estudos concedida pola Consellería de Educación e agora, publicado pola Secretaría Xeral da Igualdade, ve a luz para ser utilizado nos centros educativos galegos.

Debate sobre educación e medios

Durante este foro, organizado polo Seminario Permanente de Educación para a Igualdade, dependente da Secretaría Xeral da Igualdade e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e que remata mañá, especialistas na materia debaterán sobre como desenvolver unha proposta educativa que supere a distancia existente entre as expectativas que a sociedade ten sobre o papel dos centros educativos na erradicación da violencia, e a realidade, na que se mesturan influencias da familia, dos medios de comunicación, o grupo de iguais ou a sociedade en xeral, co papel determinante, pero non definitivo, da escola.

Un dos obxectivos prioritarios deste foro é axudar a previr a violencia en todas as súas formas desde o ámbito educativo, buscar novas perspectivas para abordala e, en especial, aquela violencia dirixida contra as mulleres, dado que a súa prevención é unha das tarefas pendentes para a educación escolar do século XXI, e conseguir a concienciación da comunidade escolar e a dos medios de comunicación, tema clave para superala e lograr a igualdade entre mulleres e homes.

A conferencia inaugural estivo a cargo da doutora en Ciencias da Información e experta en xénero e comunicación da Universidade Complutense de Madrid, Pilar López Díez, baixo o título “A importancia dos medios de comunicación na erradicación da violencia de xénero”.

O sábado, Juan Carlos Castelló Meliá, doutor en Filosofía e especialista en educación en valores, da Universidade Jaume I de Castellón, presentará o relatorio “Facer visible o naturalizado: Tópicos e sexismo no sistema educativo”. A continuación, José Fernández Cavia, profesor do Departamento de Comunicación da Universitat Pompeu Fabra, falará sobre “Educar a nenos, nenas e adolescentes: achegas dende a investigación en comunicación”.

Tamén se exporán metodoloxías e ferramentas para o traballo práctico na coeducación nos medios de comunicación: Miguel Vázquez Freire, profesor do I.E.S. Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, presentará “Os mass media e a educación emocional na adolescencia. Aplicacións prácticas para o profesorado”.

María Hermelo Iglesias, orientadora no Instituto Castelao de Vigo, falará sobre “O sexismo contra as mulleres nas ficcións audiovisuais” e presentará unha ferramenta audiovisual de traballo na aula “Fíos Violeta. Convivir en igualdade”, que elaborou e foi editada pola Secretaría Xeral da Igualdade.

O grupo Pikor Teatro porá en escena a obra “QTMeto” de Miguel Olmeda. O Foro rematará coa mesa redonda sobre “Son os medios de comunicación os novos axentes educadores?”, e nela participarán Olga Osorio Iglesias, doutora en Humanidades e especialista en narrativa e ficción audiovisual da Universidade de A Coruña, Juan Luis Pintos de Cea-Naharro, profesor de Filosofía e Letras e experto en ciencias sociais e medios de comunicación da Universidade de Santiago, e  Miguel Vázquez Freire, escritor, especialista na elaboración de materiais educativos e profesor no I.E.S. Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, sendo moderada por Elena Gómez Galkina, profesora do IES Rosalía de Castro de Santiago.