Recursos

O directorio de mulleres expertas configúrase como un instrumento no cal se recollan os datos persoais e profesionais de mulleres galegas expertas nas diferentes materias.

O Centro de Recuperación Integral ten por finalidade desenvolver un modelo de atención integral para as mulleres vítimas de violencia de xénero e as persoas delas dependentes, especialmente aos seus fillos e fillas menores.

A través da colaboración establecida coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza (Secretaría Xeral da Igualdade) e a Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (FEGATAXI), a Secretaría Xeral da Igualdade apoia o traslado das mulleres vítimas da violencia de xénero e dos seus fillos e fillas a calquera dos centros que conforman a Rede Galega de Acollemento, cando as especiais circunstancias da vítima, valoradas convenientemente polos servizos socias (municipais ou autonómicos), imposibiliten o seu traslado por outros medios.

É un Centro da Rede Galega de Acollemento nos termos previstos na Lei 11/2007, do 27 de xullo para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, xestionado de maneira integral polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (adscrito á Consellería de Traballo e Benestar), e coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade. Ten como finalidade proporcionar aloxamento inmediato e de curta estancia ás mulleres e as persoas delas dependentes, que se atopen inmersas nunha situación de malos tratos e garantirlles un acollemento de emerxencia mentres se valora a súa situación e/ou se efectúa unha derivación a outro dispositivo máis axeitado.

A Rede Transfronteiriza de Centros para Mulleres, ou CEDIM, é un proxecto europeo que pretende promover redes de cooperación transfronteiriza de ámbito municipal entre Galicia e o norte de Portugal, mediante a creación de Centros de Información ás Mulleres que presten servizos de información, formación e orientación.

O Teléfono da Muller é un servizo gratuíto e anónimo que funciona as 24 horas do día, desde calquera teléfono fixo ou móbil, e con cobertura para toda a Comunidade Autónoma. Responde nel un equipo multidisciplinar coordinado cos diferentes profesionais de toda Galicia.

A Secretaría Xeral da Igualdade é o departamento da administración autonómica ao que lle corresponden, entre outras, competencias relativas á xestión das políticas autonómicas en materia de igualdade de xénero, loita contra a discriminación por razón de sexo, igualdade entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero.

A Secretaría Xeral da Igualdade pon en marcha este servizo on-line para proporcionar, de maneira gratuíta, información e asesoramento xurídico sobre diversas cuestións, entre elas a violencia de xénero, agresións e abusos sexuais, o acoso sexual, a conciliación familiar, discriminacións por razón de sexo, prostitución e trata, etc.

En Galicia estableceuse no ano 2004 o Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP) adscrito ao Servizo Galego de Igualdade (Secretaría Xeral da Igualdade), que leva a cabo o seguimento das ordes de protección das mulleres vítimas de violencia, realizando as xestións oportunas ante as diferentes administracións para facilitarlle o acceso aos recursos existentes e ofrecerlles un marco integral de protección.