Exposición Premios María Josefa Wonenburger Planells

24/01/2018

O Goberno galego quere recoñecer as mulleres científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras.

Así, con esta exposición preténdese visibilizar e facer chegar á sociedade as contribucións feitas polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía, todas elas foron galardoadas co Premio María Josefa Wonenburger Planells, que outorga anualmente dende o ano 2007 a Xunta de Galicia a través da Unidade de Muller e Ciencia.

O Premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha autentica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo.

Dende a creación do Premio foron merecedoras deste recoñecemento mulleres que dedican a súa vida profesional a algún campo específico da ciencia ou da tecnoloxía, e así coa visibilización a través desta exposición da súa actividade e do seu triunfo, podemos lograr afianzar a idea de que muller e ciencia non só son compatibles senón que son unha combinación gañadora.

O Goberno galego considera prioritario incrementar a presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxico de Galicia, pois unha maior presenza de mulleres na investigación contribuiría a enriquecer a actividade científica coa achega de novos temas e perspectivas. Ademais é necesario promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, no eido da investigación e innovación e na xestión da I+D+i, así como situar nos estudos e actividades científicas a perspectiva de xénero nun primeiro plano.

A igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida de todas as persoas, o resultado é aquel que cada unha se constrúe co seu esforzo, co seu traballo e co seu talento. E só se favorecemos con igual énfase a esixencia, o esforzo e a excelencia, nun marco de igualdade de oportunidades, teremos individualmente, e a sociedade no seu conxunto, máis opcións de futuro.

É certo que hai aínda un camiño que percorrer ata a completa paridade, non só no ámbito da investigación, senón en todos os ámbitos dunha sociedade globalizada e tecnolóxica como é a nosa, pero o Goberno galego quere ser actor significativo nese camiño e como un novo paso presenta esta exposición das mulleres galardoadas ao longo dos anos polas súas brillantes achegas á nosa sociedade.

Documento sobre a exposición Premios María Josefa Wonenburger Planells