Exposición 'Pioneiras'

28/04/2010

Pioneiras: mulleres que inician a exploración de novas terras, que van abrindo camiño a outras en calquera actividade. Na terra das "viúvas de vivos e mortos", mentres tantos homes galegos exploraban novos horizontes xeográficos na procura do pan, moitas mulleres galegas ficaban a explorar novos horizontes persoais sen se mover da terra, emprendendo aventuras económicas que non estaban incluídas no papel asignado a elas polos roles de xénero da época e que tiveron ás veces grande éxito que perdura na actualidade.

A súa memoria foi esquecida ou escurecida, as veces polo momento en que viviron, como as que desenvolveron a súa actividade na República ou no franquismo, outras veces polos lugares onde realizaron o seu traballo ou polo sector no que traballaron. A memoria de todas elas foi escurecida porque conxugaron transgredindo o verbo emprender en feminino, eran mulleres e eran empresarias.

Abriron camiño a outras, a moitas mulleres galegas que transitan hoxe o emprendemento, moitas mais, moito mais visíbeis, moito mais recoñecidas pero sorteando aínda moitas dificultades polo feito mesmo de seren mulleres.

Pioneira: rede que se emprega na pesca da piarda.

Expresamos tamén con esta exposición a vontade e o compromiso de construír redes.

Redes que lles permitan intercambiar experiencias e facer negocio. Que sexan útiles para transmitir as necesidades a quen ten a responsabilidade de resolvelas. Que colaboren en facer medrar o protagonismo feminino na representación do empresariado.

Redes tamén no tempo, que fagan sentir ás mulleres novas que emprenden que non están ante un abismo descoñecido, que outras mulleres do seu país antes que elas o intentaron, moitas triunfaron e todas merecen ser recoñecidas e lembradas.

Con esta exposición queremos, dende o Servizo Galego de Igualdade, reivindicar as súas caras, as súas historias, as súas memorias, o seu esforzo para poñer en marcha ideas e convertilas en riqueza para elas e para o seu país.

Mulleres que integran a exposición:

  • Amalia Méndez Fernández
  • Consuelo Liñeira García
  • Isabel Maestre López
  • María Martínez Otero
  • Aurora Liste Forján
  • Dolores Centeno Soto
  • Joaquina García García
  • María Dolores Miramontes Mato
  • Carmen Pérez Gómez
  • Dominga López de Somoza
  • Manuela Carballo Mouzo
  • Olimpia Valencia López
  • Carmen Pérez García
  • Eugenia Pereira Rodríguez
  • María de las Mercedes Gil y Acebedo
  • Paz Parada Pumar
  • Celia Rivas Casais
  • Francisca Morlán Ramos
  • María López de Guadalupe
  • Xesusa Prado López